Opinión

Fuxan os Ventos

Anda certa opinión da cidade de Lugo algo aventada a propósito do anuncio que se fixo desde o concello de nomear o novo Auditorio como Fuxan os Ventos. Son deses discrepantes que en público só ousan cuestionar as formas pero non os méritos de case cincuenta anos de historia que se cumprirán en 2022. Fuxan os Ventos, ninguén o vai negar, é un proxecto musical colectivo que conseguiu, entre outras moitas cousas, converterse en marca e modelo da nosa música popular. Un referente que merece, evidentemente, esta e outras moitas honras.

Fagamos memoria. A orixe de Fuxan está no coro feminino do Colexio Menor Santísimo Sacramento dirixido por X. Mato ao que se incorporan para convertelo en mixto un grupo de mozos  Dese fermento pronto agromou entre os rapaces a idea de crear un grupo folk.

O domingo 22 de outubro de 1972 celebrábase en Mondoñedo o III Cancioneiro das San Lucas na praza da Catedral. Un xurado presidido polo entón alcalde, Enrique Cabanela Álvarez, acordou conceder o primeiro premio, dotado con 50.000 pesetas, a J. Cabodevila (pseudónimo de Xesús Mato, autor da música e da letra) pola canción 'Fuxan os ventos' interpretada polo grupo extraído do coro matriz e formado pouco antes en Lugo baixo o circunstancial nome de Folk 72.

Foi un dia especial para os compoñentes do grupo aínda que foran substiuidas algunhas mozas que por non ser de Lugo non puideran ensaiar durante o verán, e tamén para Mondoñedo xa que esa mesma xornada a mesma praza acolleu pola mañá a rodaxe dunha escena de 'Flor de santidad', a única película que dirixiu Adolfo Marsillach. Mentres o director gobernaba ao amparo dos soportais do Cantón o que acontecía diante da catedral, soldados enchoupados e figurantes ao agocho dos paraugas ocupando a praza que xa pola tarde deixaron paso  ao escenario onde se celebrou o certame musical.

Ao regreso de Mondoñedo cara a Lugo, os mozos e mozas de Folk 72, felices e famentos, fixeron parada en La Palloza para cear e celebrar. Foi alí onde naceu a decisión de chamárense Fuxan os Ventos en honor á canción que lles acababa de abrir un camiño daquela insospeitado.

Foi con Fuxan como moitos escoitamos por primeira vez os versos dos nosos poetas, e foi con Fuxan, claro, con quen moitos de nós descubrimos o galego como lingua musical.

Ante as ventadas e as críticas que viñeron e virán, sempre do mesmo lado da grada ideolóxica, nada mellor que a letra da canción que lles deu nome: "Mirade pra diante / sempre sin medo / nenos e nenas / mozos e vellos / Galicia enteira / que eiquí representa / esta xuntanza de Mondoñedo".  

Case cincuenta anos despois de que Fuxan nacese anúnciase que o novo Auditorio de Lugo levará o seu nome. Mais alá das discrepancias e doutras posibilidades o que é certo e que moitos e moitas de nós asociamos o seu nome á nosa historia persoal, a algún momento doce e memorable das nosas vidas, e por iso, porque Fuxan os Ventos somos tamén, ademais delas e deles, os integrantes que ao longo do tempo subiron ao escenario baixo ese nome, todos e todas nós. 

Meréceo Fuxan os Ventos e merecémolo nós! E se lles prace, votemos!


 

Comentarios