Opinión

Esbirros

Concluíuse que ao esbirrar espulsamos o mal que poida haber nos nosos corpos por iso se lle dí "saúde" ou "Xesús" a quen o fai

ESTES DÍAS estou espurrando máis do normal. Quizais sexa debido a estes cambios climatolóxicos tan drásticos que estamos padecendo ou a que me estou volvendo sensible a certas agresións ambientais. Non sabería dicir a  causa pero si que comecei a preocuparme e, como consecuencia, a investigar as posibles derivas de tanto espurro incontrolado.

Aprendín que Adán, e por tanto a humanidade, espurrou por primeira vez cando Eva lle ofreceu a mazá, o que, como nos conta a historia relixiosa, se interpretou como signo de mal fado ata o punto de crer que ao expulsar tan violentamente o aire do corpo, tamén se expele a alma, signo inequívoco de morte.

O tempo demostrou que a inmensa maioría da xente non só non morría despois de esbirrar senón que en moitos casos incluso melloraban de aspecto, que a vida continuaba e o que semellaba negativo pasou a interpretarse como  esperanzador. Concluíuse que ao esbirrar expulsamos o mal que poida haber nos nosos corpos, por iso se lle di "saúde" ou "Xesús" a quen o fai para que o mal quede fóra e non volva entrar no corpo do que sae.

Este bo desexo así expresado que aínda practicamos na actualidade parece que ten orixe, segundo a tradición cristiá, na Idade Media cando as pestes se detectaban, amais de por outros síntomas, por aumentar a poboación que esbirraba decontino. Os romanos xa dicían "salve" en tales circunstancias e antes o profeta Eliseo logrou revivir un mozo tras provocarlle sete esbirros.

Máis violento foi como descubriu o espurro o xigante grego Prometeo. Rouboulle un raio de luz ao sol e para que Zeus non o descubrise gardouno nun estoxo. Un día, sen decatarse, vese que o aspirou como se fose rapé, o raio cravóuselle no nariz e provocoulle unha convulsión de titán. Desde entón, segundo esta versión, os humanos esbirramos. 

Bernard de Gordon, médico occitano célebre que viviu a cabalo entre os séculos XIII e XIV, escribiu un libro sobre o tema no que dicía que o esbirro "é un movemento natural do cerebro, forte e rexo, para  lanzar as cousas que nos enferman". E o Códice Zabálburu de medicina medieval, unha compilación de textos médicos, afirma que os que perderon a fala deben queimar canaveira e corno de cabra de maneira que o fume lle entre polos fociños ao doente para que espurre e así "fablara luego".

Como vén, inventáronse métodos para provocar esbirros crendo que así se curaban algunhas doenzas. En moitas culturas populares orientais, amerindias e africanas teñen recursos para provocalos mediante herbas e outras mañas pois crese, como xa dixemos sobre a peste, que o mal, sexa de orixe demoníaca ou doutro tipo, debe ser expulsado do corpo e o esbirro, pola violencia con que se manifesta, pode ser o vehículo perfecto.

O que non agardo para min son sorpresas como lle pasou a Xan de Touceda, un rapaz que para combater o calor cando fixo o servizo militar en Ceuta tomaba arreo té con xeo. Des que licenciou sempre se queixou dunha estraña friaxe nos pés que non curaba ata un día que, tras un esbirro violentísimo, expulsou cadansúa pedra conxelada polas ventás do nariz.

Comentarios