Opinión

O Entroido cristianizado

Sébastien Jondeau, quien fue amigo del "Káiser", relata en un libro los últimos días del diseñador fallecido hace 2 años

A TRADICIÓN xudeo-cristiá acolleu no seu panteón, converténdoos en demos, os monstros con corpo humano e cabeza de animal procedentes dos mundo pagán. A literatura dos sínodos é reiterativa nese aspecto e combate con decisión, aínda que con demorado éxito a pesar das graves penas que se impoñían, a suposta indecencia e loucura que se manifestaba nestas celebracións.

San Paciano de Barcelona critica na súa obra, hoxe desaparecida, aos que se disfrazan de cabras e cervos —cervus— nos primeiros de xaneiro. San Martiño de Braga no século VI opoñíase rotundamente a que o ano comezase en xaneiro —inicio do ano pagán—, no canto de marzo, na data do equinoccio de primavera a escollida por un tempo como a do nacemento de Xesús.

O III Concilio de Toledo, ano 589, prohíbe os bailes, as danzas e as cancións indecorosas nas celebracións dos natalicios dos santos. No século VII San Isidoro critica os homes que nas calendas de xaneiro se disfrazan de animais, os que toman aparencia efeminada e que executan bailes e danzas desordenadas, ademais de prácticas sexuais reprobables estimulados polo consumo de excitantes.

O penitencial coñecido como Códice Albeldense ou Vigilano, redactado entre o século IX e X, describe a procesión carnavalesca con travestidos -maias- e máscaras de animais e de demos —orcum—; pero tamén ás mozas e mozos ben engalanados e vestidos —pelam— que se interpretaron como personificación da primavera. Tamén era costume polas calendas de xaneiro disfrazarse cubríndose con peles de cervo e poñer a súa cornamenta sobre a cabeza —cervullum facere—. As máscaras de cervo aparecen ás veces asociadas a unha muller vella —cervullum et vetula facere— e outras a unha tenreira —cervullum e vitela—. Desde Tertuliano, século III, a Burcardo de Worms, no século XI, hai constantes referencias a estas mascaradas que consistían en tomar a aparencia dun animal, sobre todo a de cervo pero tamén de cabra, tenreira, boi, becerra ou becerro.

Ademais das máscaras de animais e do travestismo, nestas datas servíanse comidas e bebidas en abundancia para auspiciar a abundancia o resto do ano. Para rematar, pois sería longa de máis a casuística, en 1473, as autoridades eclesiásticas do arcebispado de Toledo lamentan que nas catedrais e igrexas exista o costume de que nas festas de Nadal, San Xoán, Santo Estevo e os Inocentes, mentres se celebran os sagrados oficios se fagan espectáculos teatrais, máscaras, monstros, elementos grotescos e moitas outras cousas deshonestas, facendo burla, recitándose poesías lascivas e sermóns xocosos que interrompían o oficio divino.

Temos, xa que logo, varios entroidos mesturados. O precristián, o das mascaradas das calendas de xaneiro que tanto criticou a Igrexa desde o século IV en adiante, e outro xa cristianizado. Á súa vez, deste hai agora un popular e tradicional, e outro burgués, ou de casino. Todos rematan, agás nos casos que se prolonga ata o sábado e domingo de Piñata, e incluso mesturado con ritos relixiosos ata Semana Santa e Corpus, o Mércores de Cinsa ou, segundo Covarrubias, Corbillo porque o home se encorva ou humilla en sinal de arrepentimento.

Comentarios