Opinión

'Eau de mille-fleurs'

El galardón reconoce el compromiso total de las cuatro profesionales «con una información rigurosa y veraz»

OS EMPRENDEDORES galegos que usaron augardente para facer xel hidroalcohólico ten precedentes, se cadra máis elegantes, cando menos no nome.

Non lembro o que buscaba na Galiciana, a biblioteca dixital, cando dei cun libriño impreso en Madrid en 1817 que se titula Agronomía o diccionario manual del labrador. É copia dun suposto -­non o dei localizado­- orixinal francés que trata de asuntos agrícolas e gandeiros traducido polo valdeorrés Pedro Charro de Lorenzana.

Contén, di o reclamo, todos os coñecementos para gobernar as facendas do campo, facelas producir e para conservar a saúde, con moitas instrucións. Da utilidade da obra non opino; habería que volver eses douscentos atrás pero curiosidades si que ofrece en doses xenerosas.

Como xustificación, ao comezo do prefacio dise que o uso cada vez máis frecuente dos dicionarios é unha consecuencia da pereza humana, e que mesmo hai quen os ten por extravagancia e abuso de filosofía. A partir desa luminosa reflexión, cada poucas páxinas aparecen detalles para maquinar.

Pouco despois de describir un sorprendente método para a elaboración de augardente de viño que provocaría agreamento no gremio de alambiqueiros galegos, tócalle a quenda á Eau de mille-fleurs. Sáibase que agora hai un perfume que se chama así pero que non ten, creo, nada que ver con este composto medicamentoso que se describe máis ou menos así.

Hai que coller os mexos dunha vaca directamente da natura, preferentemente polo maio florido cando o gando pace herbas vigorosas. Inmediatamente bótanse estes ouriños nun vaso e tómanse ben quentes para minimizar a perda de propiedades. Cantidade recomendada: medio cuartillo (cuarto de litro). A seguir, o enfermo debe pasear polo menos durante unha hora mantendo a parte do estómago protexida cun pano quente. O tratamento, agás que as evacuacións sexan excesivas, debe durar entre 10 e 12 días. Indícase contra asmas, hidropisías (acumulación de líquidos), reumatismos, gota e outros vapores.

Sigo investigando o tema e atopo que tamén se lle chamou Eau de mille-fleurs a unha beberaxe destilada, feita con alcohol e bosta de vacas que pacesen nas mesmas condicións que as dos mexos. Usouse moito no luxoso e excesivo Versalles dos séculos XVII e XVIII.

O rei Lois XV tiña un gato chamado Brillant, un angora manso, branco e gordo, co que tiña máis e mellor trato que cos humanos que lle andaban arredor. Unha noite, o encargado de coidar do gato, Louis Quentin, marqués de Champcenetz, apostou por divertimento co resto dos axudas de cámara que era capaz de facer bailar o gato Brillant. Como non o creron, sacou do peto un frasco cun líquido co que enchoupou as patas do michiño, que, nun principio, se retirou tranquilamente durmir pero en canto sentiu os efectos do composto comezou a saltar como un poseso. Cando o rei escoitou o balbordo, quixo saber que pasara. Son os efectos do esprit du vin!, xustificouse Champcenetz.

Para quen dubide, na Revue d"Histoire de la Pharmacie vén un fantástico artigo de Olivier Lafont sobre esta marabillosa, e tamén noxenta, apócema.

Comentarios