domingo. 13.06.2021 |
El tiempo
domingo. 13.06.2021
El tiempo

Do Noso Lar

DICIAMOS nun artigo anterior que a Sociedad Mondoñedo y Distritos se creou en Bos Aires o 22 de agosto de 1920 e que un dos seus froitos máis excelsos foi a publicación de Do Noso Lar, álbum artístico-literario de 96 páxinas con fotografías de persoeiros, paisaxes, patrimonio e monumentos. Coordinou a edición Ricardo Veiga e a portada é deseño de Patricio Cayón. O acto de presentación pública tivo lugar no Salón-Teatro do Orfeón Español de Bos Aires o 15 de setembro de 1923.

Contén artigos de carácter histórico, bosquexos biográficos, memoria do pasado, reflexións e análises reparando nas carencias, servizos existentes, pulo industrial e comercial, infraestruturas e necesidades varias do Mondoñedo amado. Asinan colaboracións Emilio Tapia Rivas, José Polo Folgueira, Ricardo Valcarce, Juan Pla, Antón Vilar Ponte, F. Lorenzo Rico, un traballo sobre os poetas mindonienses e outro sobre o Santuario dos Remedios de E. Lence Santar, un texto literario de Leandro Carré e numerosos textos poéticos do propio Lence, Mª Ángeles Vázquez, Noriega Varela, Leiras Pulpeiro, Eugenio Carré, A. García Dóriga e, entre outros, Roxelio Rodríguez. Dez páxinas de publicidade, máis de cen fotografías e sínteses históricas sobre os concellos de Abadín, Alfoz, Lourenzá, Riotorto, A Pastoriza, O Valadouro e Foz.

O cento longo de fotografías, unha gran parte da autoría de Santiago Pernas, daría para un faladoiro ben interesante. Aparecen persoeiros relevantes, directivos da propia sociedade, da cultura e populares como as cegas con violín no San Cosme ou o gaiteiro Coruxeiras, a feira de Gontán, unha malla na praza dos Muíños, a fonte dos Pelamios e a ponte do Pasatempo, a fábrica da luz da Fervenza, a canteira de mármore de Sasdónigas e moitas máis. Desde este verán pódese consultar unha copia desta publicación no repositorio dixital do Consello da Cultura Galega.

Para rematar, uns apuntes sobre Patricio Cayón Fernández (Compostela, 1893), autor da fermosa e alegórica portada da publicación. Pertencía a unha coñecida e prolífica familia mindoniense —entre os seus irmáns estaban Carlos, Luís, Alfonso e Pilar, esposa de L. Pimentel—con pazo no barrio de San Lázaro. 

Emigra a Arxentina en 1923 onde exerceu como debuxante, pintor e escenógrafo. É autor do cartel das festas patronais de Santiago de 1915 e foi colaborador da prestixiosa revista Céltiga. Regresa a Galicia en 1931 pero en 1936 foi sinalado polo novo réxime polo que volve a Arxentina como exiliado en 1940, onde residirá ata o seu falecemento en Bos Aires en 1954. Neste período final da súa vida foi seareiro do PCE, redactor e finalmente director da revista Galicia.

Como anécdota anotamos que cando a Federación de Sociedades Gallegas, auxilio dos represaliados republicanos galegos na Arxentina, correu cos gastos de enfermidade e soterramento, o irmán, Alfonso, que era tenente coronel médico no exército franquista, ofreceu compensalos.

A sociedade considerou que só a eles, entidade afín ao ideario republicano de Cayón, correspondía atendelos e rexeitou os cartos.

Do Noso Lar