miércoles. 14.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 14.04.2021
El tiempo

Da gripe

O dicionario da RAG rexistra dúas palabras sinónimas para referirse á doenza infecciosa e inflamatoria das vías respiratorias que nos soe visitar cada inverno. A máis popular é gripe, que cando se presenta agresiva precisa calificativos que a singularizan como aviar, porcina, española... A outra, influenza, apenas a empregamos.

A Organización Mundial da Saúde acordou en 2015 que para evitar estigmatismos innecesarios se procurasen palabras neutrais para nomear as enfermidades graves, de aí que este coronavirus, que ben se puido denominar gripe chinesa, quedase en Covid-19.

Sebastián de Covarrubias no seu Tesoro de la lengua castellana o española (1611) non menciona ningunha destas dúas palabras pero si bubas, catarro ou peste, termos de ampla difusión para nomear epidemias con mortaldades apocalípticas.

As pústulas supurantes chamadas bubas ou bubóns que aparecen nas inguas deron orixe ao termo peste bubónica, un mal causado por unha bacteria letal á que tamén se lle chamou mal francés. E mal francés, gálico ou morbo gálico foi como se coñeceu a sifilis antes de descubrirse a causa desta doenza venérea que se destapou na Italia de finais do s. XV. 

Covarrubias entretense co significado da palabra catarro. Pona como sinónimo de romadizo, termo cuxo significado adianta na letra C "por si no pudiera llegar a sacar en limpio la letra R, que la obra es muy larga y la vida corta". Os vocábulos romadizo e romadizar aínda figuran no dicionario da RAE e Covarrubias explícaos cun apólgo divertido. A raposa, sabedora de que o león —que padecía halitose— sacrifica a quen non lle responde o que desexa oír cando pide que lle ulan o alento, contesta: Non cheiro nada, que estou romadizada.

Para curar a peste, palabra equivalente a epidemia e de uso frecuente durante moitos séculos, ofrece Covarrubias moi variados remedios que "para aplacar los enojos de Dios" hoxe teríamos que calificar de preparados imaxinativos sen máis efectos terapéticos que os dun placebo.

O que si intuía Covarrubias como nós agora é que para a cura dun mal novo, máis alá da axuda de Deus e das boticas, o principal é non terlle medo "porque al que más se pega este mal es al medroso" e que ao porlle nome, como aconsella a OMS, non se sinalen culpables, sexan animais ou humanos.

Para por o punto final, volvamos atrás. A palabra grippe usouse, así grafiada, por ser de orixe francesa, un galicismo que se impuxo na prensa española do XIX, polo menos entre a grippe francesa de 1837 e a española de 1918. O nome deriva dos síntomas xestuais que provoca: contraccións e tremelicamentos causados pola febre. 

Influenza, a outra palabra que aparece no dicionario da RAG, comezou a usarse moito antes, polo menos no s. XV cando aínda non se inventara a palabra grippe. Ten orixe en Italia, unha consecuencia da crenza de que a terrible enfermidade se debía á influencia negativa dos astros. Os franceses tamén a usaron.

Os ingleses, sempre peculiares, á gripe chámanlle "flu", abreviatura de influenza, esa palabra que nós temos no dicionario pero que non usamos porque non queremos.

Da gripe
Comentarios