Opinión

Cunqueiro (con esquío) en Lugo

O AFECTO que Álvaro Cunqueiro manifestou a Lugo en numerosas ocasións comezou nos anos adolescentes cando visitaba a cidade para examinarse por libre no instituto. Despois viría a estadía como aspirante a bacharel e as amizades lugueses —Pimentel, Fole, Trapero...— que tanto cultivou. Dedicou a Lugo, á muralla, ao san Froilán, ao Miño ou aos literatos lucenses ducias de artigos en ocasións diversas. E foi persistente nun desexo, ver gravado o nome do poeta medieval Fernando Esquío nunha porta da muralla.

Probablemente foi nun artigo publicado en Faro de Vigo o 7 de outubro de 1950 cando Cunqueiro di por primeira vez imaxinar a Fernando Esquío pasear un Domingo das Mozas pola Rúa Nova ou entrar pola porta de Santiago, preguntándose: "Que atopastes, amigo, alá en Lugo, onde andástes ou cal é esa fermosa de que vos namorástes?".

Pouco lle importaba que na altura dos séculos XIII e XIV non houbese aínda feiras nin festas de San Froilán, nin tampouco que a porta de Santiago non existise, polo menos coa feitura actual.

Nun artigo titulado ‘Carta sobre Fernando Esquío’ que dirixe a L. Pimental, R. Carballo Calero e J. Trapero Pardo, publicada en El Progreso o 10 de febreiro de 1957, fai a proposta acompañada dunha declaración de admiración polo poeta e pola súa obra, aínda que recoñece que non sabe cando viaxou Fernando Esquío, se foi por primavera ou polo outono. Supón que pasaría o Miño pola Ponte Vella e que entraría na cidade pola porta de Santiago. O texto da labra diría: ‘Por ista porta entróu, vindo namorado de Santiago a Lugo, o trobador Fernando Esquío, pólo ano de mil e douscentos e pico’. Amais, ofrece para facer a labra o cicel do escultor Failde e propón que se inaugure o Domingo das Mozas do ano seguinte.

Cada vez que ten ocasión, con máis ou menos vehemencia, Cunqueiro lembra o tema. Nun artigo publicado en El Progreso o 5 de outubro de 1958 matiza a referencia ao día e á porta da muralla. Sobre se foi o Domingo das Mozas, di "no dije tanto" e "pedí que se celebrase este viaje labrando una piedra en la puerta por donde entraban en Lugo los que de Compostela venían", aínda que a continuación di sospeitar que Esquío, viñese cando viñese a Lugo, puido quedar a pasar o verán e o outono para marchar despois de "beber cinturas" no San Froilán.

Nun artigo delicioso publicado neste mesmo xornal polo SanFroilán de 1960 baixo o título ‘Domingo d’as mozas’ fai un canto ao poeta namorado, á súa vestimenta, lugares de paso desde Santiago a Lugo e aos perfumes das damas, e reitera como data apetecible da arribada do poeta o Domingo das Mozas pero rectifica o do lugar por onde entraría: "Ya estaría en la Puerta del Carmen, la puerta del camino francés".

Chegou, por fin, a data que era domingo, pero non das Mozas. A Asociación da Prensa de Lugo homenaxeou a Álvaro Cunqueiro o domingo, 16 de abril de 1961. Amais dunha misa, un paseo poético pola muralla e un xantar no Méndez Núñez, inaugurouse a placa marmórea que se colocou co texto proposto por Cunqueiro na Porta Miñá ou do Carme, a do camiño que mira desde os días romanos cara a Santiago.

Comentarios