Opinión

Cruceiros

OS CRUCEIROS, cruces e demais elementos afíns constitúen esa parte do patrimonio material e inmaterial que, a pesar de estar asociado ás crenzas relixiosas maioritarias, padece con intensidade o descoido institucional e social. Os cruceiros desaparecen por abandono, por quedar ensumidos nun silveiral, por obras ou trompazos e ata por roubo pois existe grande vaidade e hai quen os merca para choelos e gozalos privadamente tras os muros dunha finca rural.

Menos mal que existen colectivos como a Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas de Galicia que se dedican a inventariar e estudar todo o que queda en pé deste patrimonio singular. Acaban de publicar as actas do acontecido no seu X Congreso celebrado en Lugo en 2018 onde recollen 26 traballos realizados por toda Galicia nos anos previos, entre eles o que se pode considerar primeiro inventario de cruceiros, cristos, cruces, viacrucis e esmoleiros do concello de Mondoñedo.

Da lectura deste traballo de Mario Saavedra Pérez e da inxente e moi valiosa documentación que sobre o tema vén publicando no seu blog desde hai moito anos Andrés García Doural, podemos tirar unhas consideracións sobre o estado dos 60 elementos inventariados.

O máis antigo é o que está no claustro da catedral (século XVII ou anterior) ao que seguen o do Castro de Lindín e o da Campá, en Couboeira. Os máis curiosos poden ser o do Fiouco e o viacrucis que sobe aos Picos, e que a maioría son do século XIX, entre estes os do Couto da Recadieira(1806) e o de Zoñán (1813). Cada un ten unha historia e unha razón. Puido ser unha morte ou un milagre como o que aconteceu diante do de Santa Margarida cando un home, por xurar, quedou impedido ata que o exorcizaron.

Tamén se constata un grande número de cruceirosdesaparecidos. Saavedra conta 16 e a modo de exemplo vou citar tres que lembro e que foron moi ben documentados por A. García Doural.

A chamada Cruz das Cordeiras era de ferro e estaba sobre un monólito, en Valiño, en memoria das dúas mulleres electrocutadas alí o 22 de setembro de 1922. Ao día seguinte Cándido Carreiras publica en Justicia unha crónica memorable. A cruz desapareceu hai máis de dez anos arramplada polos camións da madeira. A outra estaba nas Calzadas, entre Os Remedios e Rego de Cas, onde apareceu o 21 de xaneiro de 1894 o corpo dun veciño de San Lázaro que fora ferido nunha fía. A primitiva cruz de granito que lembraba o suceso foi destruída pola maquinaria de roza e no seu lugar púxose outra de lousa que tamén desapareceu ao derrubarse o muro onde se incrustaba.

A Cruz de Méndez levárona por diante as obras da A-8, estaba entre a última casa de Lindín e a rotonda da autovía no alto de Curros. Lembro que sendo neno cando pasaba por alí cos meus avós sempre me contaban que alí mataran un home. Sucedeu o día grande das San Lucas de 1949. A vítima chamábase Juan Méndez Morales, era de Curros, e o motivo o roubo do que lle deran pola venda dunha cabalaría. Matouno dun tiro un mozo de Budián que gastou naquela noite nas atraccións das San Lucas o importa da súa criminal fazaña.

Comentarios