Opinión

Colasín dos paus

Un personaxe perdido na néboa da memoria. A primeira referencia tirámola de 'Coñecer a costa de Ribadeo. Lendas, historias, tradicións, sucesos… da nosa costa', dixital sen data a cargo do alumnado do CEIP Gregorio Sanz, de Ribadeo; a segunda, de 'Pastor Díaz, príncipe del romanticismo', libro da autoría de F. Leal Ínsua publicado en 1942, e a terceira de dous artigos de Fernando Caramés publicados en Las Riberas del Eo.
A información que nos dan Víctor Moro no texto dun pregón publicado en 'Libro das Festas da Patrona' (2007) e Ramón Fernández Higueras, outro pregón, este na Xira de Santa Cruz de 1989, recollidas ambas na publicación escolar citada, son lixeiramente diferentes.
Colasín aparecía polos camiños de Ribadeo, por Santa Cruz, polo Alto dos Pinos, pola Vilavella ou pola costa. Era alto e corpulento, de mirar penetrante, co cabelo negro e as barbas encanecidas. De andar ranqueante, dicían que estaba tolo porque ía recollendo do chan todos cantos paus atopaba, moitas de gran tamaño, para cargalos ao ombro e seguir andando. Cando perdía uns collía outros. Tamén se di que estaba obsesionado con deixar limpos os camiños de croios e paus.
Víctor Moro di que tiña ollos penetrantes. Opinaba que podía ser orixinario da comarca de Viveiro. Coinciden en que se salvou de afogar tras un naufraxio ao agarrarse a un pau e engade que facía longas camiñadas, chegando incluso ata a Coruña. “Ao chegar á Coruña, fondo Colás” seica dicía e repetía.
Leal Ínsua chámalle “Colás dos paus” e precisa que a póla que levaba ao lombo era de castaño. Apa-recía pola primavera –entendemos que por Viveiro– canda as andoriñas. Dicía que ía cobrar a renda. Sentaba nas portas das casas e dábanlle unha cunca de caldo que tras papala íase a outra porta. Des-críbeo como alto, forte e de barba gris. Un día, di Leal Ínsua que leu nun xornal doutro pobo -que non identifica- que Colás aparecera morto abrazado a un pau.
En Las Riberas del Eo, 31 de maio de 1958, escribe Francisco Caramés –información que lle agradezo a Mati González– que o coñeceu sendo el neno –primeiras décadas do s. XX–, que chegaba a Ribadeo polo Antroido co seu pau ao ombro. Á seguinte temporada polas mesmas datas volvía a aparecer paseante polas rúas da vila cun pau reverdecido. Esquivaba as rúas máis transitadas e durmía onde cadraba, asistido no básico por veciños caritativos. Andaba de continúo, sempre descalzo, sucio e coa roupa esmendrellada. Tiña a barba branca e escasa, cunha calvicie incipiente. Cando cría que ninguén lle andaba arredor, facía unha paradiña e botaba unha gargallada poderosa. Segundo Caramés o que se contaba del é que fora pescador nos anos mozos, que andaba nun barco pola costa astur-galaica ata que unha galerna afundiu a embarcación. Salvarase de milagre grazas a agarrarse a un pau que lle permitiu salvar a vida aínda que na traxedia afogóuselle o sentido.
Un náufrago en terra, sempre temeroso da onda mortal. De Colasín tamén hai memoria en Ortigueira, Daniel Cortezón dedicoulle unhas liñas e o pintor A. Suárez Couto fíxolle un retrato que está pendurado na casa do Concello de Ribadeo.