Opinión

Ciprianillos

O meu amigo Félix Castro Vicente, avogado de profesión, músico, investigador e dinamizador cultural é tamén un recoñecido investigador; proba disto é o seu moi recomendable traballo Do doutor Alveiros á Porta de Palla: o ocultismo na vida e obra e Vicente Risco que mereceu en 2020 o prestixioso premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.

Tamén é coleccionista de obxectos culturais que para algúns poden ser só curiosidades ou rarezas aínda que, no seu caso, esta afección sempre está motivada pola necesidade antropolóxica de saber e entender ata onde sexa posible a nosa cultura popular tradicional.

Félix xa nos amosara en Lugo no ano 2008, na sala de exposicións da Deputación, a súa colección de libros do Demo, grimorios e ciprianillos, e participara como relator na primeira xornada de literatura oral organizada pola AELG, dedicada entón a analizar a figura do Demo na nosa cultura tradicional.

O Museo Etnolóxico de Ribadavia exhibiu ata finais de 2021 a súa colección titulada ‘San Cipriano o Mago. De oracións, ciprianillos e tesouros’ e a Xunta de Galicia acaba de publicar un libro-catálogo co mesmo título que é en si mesmo unha xoia bibliográfica. Magnífico deseño, excelentes fotografías con textos do propio Félix que explican con clarividencia a historia dun culto popular estendido por medio mundo e a de cada unha das máis de 150 pezas arredor da figura máxico-relixiosa de San Cipriano.

San Cipriano de Antioquía (250- 304 a. C.), santo e mago, pasa por ser o presunto creador de infinidade de oracións e amuletos protectores contra toda clase de meigallos, amais de ser o identificador e descubridor de escusados tesouros gardados desde os tempos dos mouros, de aí seguramente a súa popularidade, entre eles os que se ocultan en varios lugares da xeografía galega.

Entre as xoias da exposición, como se amosa e se reproduce no catálogo, están os chamados ciprianillos, libros impresos moi buscados por todos os aspirantes a obter beneficio das maxias que ensinan a amolecer gardadores de tesouros. Tras a historia destes libros está a do desencanto colectivo de varias xeracións de humildes galegos e galegas que buscaron, e aínda procuran sen ningún éxito, o Eldorado que imaxinamos baixo os noso pés.

En Galicia, o grimorio de máis éxito foi o ‘Grande Livro de S. Cipriano ou Thesouro do Feiticeiro’, publicado pola Livraría Económica de Lisboa entre 1885 e 1893, orixinal moi reeditado que contén unha listaxe de 174 tesouros do Reino de Galiza. A primeira edición en galego deste libro coa relación de tesouros fíxoa Xosé Mª Álvarez Blázquez en 1974 na popular colección O Moucho, de Editorial Castrelos, baixo o título Os tesouros de Galicia. O ciprianillo.

Coa intención de corrixir os desvaríos que provocaban este tipo de libros entre as clases humildes, Bernardo Barreiro publicou en 1885 outro libro titulado Brujos y astrólogos de la Inquisición en Galicia y el libro de San Cipriano pero non tivo os efectos que pretendía.

Por aquí daquela e aínda hoxe seguimos crendo que a vida pode ser un delirio que pende da fortuna ou da maxia.

Comentarios