Opinión

Cadeiras

Teletraballar pode ter consecuencias; no meu caso a máis grave foi que a cadeira con pistón regulable rebentou. É certo que fomos dous os que, por quendas, fixemos uso dela e que non lle demos respiro nos sesenta e tantos días de reclusión. A cadeira cansou, claudicou e pasou a engrosar a listaxe de letalidade desta peste chamada Covid 19. 

A situación resolveuse mercando (viva a telecompra!) outra de urxencia, o que deu motivo para pensar nas cadeiras en xeral, no seu uso insubstituíble no día a día e no papel que, por exemplo, desenvolven no mundo da arte, sexan elas as protagonistas ou só a auxiliar necesaria. A operación ten algún efecto máxico; buscar cadeiras en internet fai que che aparezan cadeiras amoreadas en todas as páxinas que procuras, incluídas as deste xornal, milleiros de ofertas dicíndoche: cómprame!

En fin! Só temos espazo para comentar unhas poucas curiosidades sobre a presenza das cadeiras na arte, apenas catro pinceladas, insuficientes para decatarnos da importancia capital destes mobles na creación artística.

Obviamente, nos museos dedicados ao deseño, as cadeiras ocupan un lugar moi destacado. Quen non ten unha idea da xigante Hill House, creada por Mackintosh a principios do s. XX, ou da Garriri, ideada por J. Mariscal en 1999, un híbrido entre un personaxe de cómic e o rato Mickey.

Na arte conceptual abundan as cadeiras. Quizais foi Marcel Duchamp quen provocou que nos fixásemos nos obxectos cotiás para estimular reflexións e ideas que transcenden a propia representación, como despois fixo un dos seus máis conspícuos seguidores, o americano Joseph Kosuth, filósofo da comunicación na arte. A súa obra máis coñecida One and three chairs de 1965 —apenas cumprira os 20 anos— representa perfectamente o seu modo de pensar. Na instalación "Unha e tres cadeiras" víase unha cadeira pregable, unha fotografía a tamaño real da mesma cadeira e un texto que reproduce exactamente o que di o dicionario sobre o termo. A ousadía tivo críticos, naturalmente.

Tense escrito moito sobre a moblaxe e as ferramentas usadas por quen crea, sobre as máquinas de escribir, plumas, pinceis e lenzos, folios ou cabaletes, tamén sobre os efectos de determinadas adicións que influirían decisivamente no resultado final nas dúas direccións posibles; a suposta excelsitude da obra e o evidente deterioro da saúde do artista. Sabemos todo ou case todo o que rodea a creación, agás, precisamente, sobre a calidade das cadeiras onde pousan as cachas do xenio.

Teremos que volver ao asunto das cadeiras na arte. Daquela falaremos das mil cincocentas cincuenta cadeiras de Doris Salcedo, da exposición "Da árbore á cadeira" que houbo no Gaiás hai tres anos, e do uso que fan delas artistas nosos como Xosé Cobas e Caxigueiro.

No Museo Pazo de Tor e na Fortaleza de San Paio de Narla hai en exposición sendas liteiras, mobles que non son outra cousa ca cadeiras choídas nas que podían viaxar  xentes confinadas, acomodadas no lombo de porteadores ou de mulos. E é que sempre houbo 'distanciamento social', fose por clases ou por virus.

Comentarios