lunes. 26.07.2021 |
El tiempo
lunes. 26.07.2021
El tiempo

No cabodano de Leiras Pulpeiro

Tumba de Manuel Leiras Pulpeiro. XESÚS PONTE
Tumba de Manuel Leiras Pulpeiro. XESÚS PONTE

TAL DÍA como hoxe de hai 108 anos falecía en Mondoñedo Manuel Leiras Pulpeiro. Naceu na mesma cidade o 25 de outubro de 1854 e faleceu ás catro da madrugada do sábado, 9 de novembro de 1912. Segundo testemuño directo recollido e publicado por Xesús Alonso Montero, expirou no colo do carpinteiro Antonio Ferreiro. Parece que sufrira un ataque cerebral na mañá do venres, día 8, e que, sen recuperar o coñecemento, faleceu en menos de 24 horas.

Ningún mindoniense mereceu tanta estima e respecto, case devoción, como a que el gozou en vida e despois de falecido por parte do pobo do común e, ao tempo, ninguén tampouco tanto desprezo especialmente corrosivo por parte da xerarquía eclesiástica local.

Amais de exercer a profesión de médico, foi poeta e filólogo, politicamente un republicano federal moi afastado ideoloxicamente das opcións políticas predominantes na burguesía local. Parece que militou algún tempo na masonería e simpatizou co esperanto. 

Na súa obra literaria, escasa en tamaño, pero de considerable calidade, expresa repetidas veces unha crítica aceda contra os comportamentos do que el chamaba a cregaxe. E o pecado maior, un desafío ás convencións sociais e aos mandados eclesiásticos do momento; casou civilmente con María del Milagro Antonia Andía Villar o 29 de agosto de 1888. Amais, antes de casar tiveran dous fillos e despois seis máis, polo que xa entón foi ameazado de excomuñón, extensible a todos os que tratasen con el, incluídos os pacientes.

Este cúmulo de comportamentos, coherentes coa súa forma de pensar, foron a causa do debate público que se xerou arredor do seu enterro e que se reflicte ben na prensa mindoniense da época. Desde El Cruzado, publicación tradicionalista que fala por boca do bispo daquel entón, consideraron necesario clarificar por que non se permitira que a comitiva fúnebre pasase por diante da catedral e que non se lle dese terra no espazo do cemiterio eclesiástico.

Leiras formaba parte do grupo de excluídos, como os infieis, herexes e cismáticos por "torpe concubinato", ou sexa, por ter contraído matrimonio civil e non abxurar pública e explicitamente de tal decisión. Quen tal fixese, como no caso do matrimonio de Manuel e Antonia, convertíase en renegado sen necesidade de solicitar apostasía.

Por iso foi soterrado na parte do cemiterio que eufemisticamente chamaban neutro, ao tempo que se escarnece aos republicanos en xeral, acusándoos de aproveitar a ocasión para organizar unha manifestación anticatólica, e moi en especial a Cándido Carreiras, cabeza visible da organización local e a José María Basanta Llenderrozos, administrador de Correos.

O enterro, que tivo lugar o luns, día 11, ás doce do mediodía, asistiron máis de 2.000 persoas, amais de representacións da Real Academia Galega, Concello e correlixionarios republicanos da comarca.

Sempre quedará a dúbida, irrelevante ao noso parecer, sobre se Leiras era ou non crente. Quen escolleu o epitafio que figura na súa tumba sabía ben que de ninguén como el se podería dicir con absoluta convicción que "Amou a verdade e practicou o ben". 

No cabodano de Leiras Pulpeiro
Comentarios