A IGREXA contribuíu decisivamente á creación de imaxinarios populares, singularmente os relacionados cos lugares residenciais que disque nos agardan despois da morte. Boa parte do corpus dos relatos protagonizados polas ánimas, coas súas reviravoltas, idas e vindas entre os predios de mortos e vivos, alicérzase na invención do Purgatorio como lugar ou estado polo que seica han pasar, queiran ou non, a inmensa maioría das almas ou espíritos liberados dos corpos falecidos.
A idea foi do papa Inocencio IV aló polo ano 1254. Pouco despois, no segundo concilio de Lyon, propúxose cambiar o nome de Purgatorio polo de Catarterio o que non prosperou pero si a idea base que consiste en facer crer que con esmolas ou pagando misas se liberan ánimas das penas do Purgatorio.
En moitas igrexas, retablos, altares, cemiterios e espazos do noso país é corrente ver representacións do Purgatorio como un lugar no que son torturadas entre as lapas unhas criaturas que representan as ánimas. Xeralmente, acompáñanse dun peto para recoller a boa vontade dos que pasan para sufraxio das almas penantes. Nos camiños abundan os petos de ánimas, pequenos santuarios ou altares que reflicten a primorosa capacidade creativa da nosa arte popular. Quen pasa e contribúe a liberar unha ánima de sufrimento, tamén está investindo na súa propia salvación pois a ánima favorecida debe interceder para que a ou o doante non cheguen a pasar por transos tan incómodos.
Hai centos, milleiros de historias arredor destas crenzas. A ánima do defunto aparécese aos vivos, manifestándose en solitario ou acompañada, procesionando de múltiples maneiras, sexa ladrando como un can, como luciña, como animal que repta polos camiños, como sopro ou labazada fría. Ninguén como nós, galegas e galegos, coñece tan ben o que nos agarda no Máis Alá. Sabémolo porque nolo veñen contando desde o púlpito desde hai moitos séculos, tamén porque vivimos nunha Fisterra, un lugar de tránsito entre o mundo dos vivos e os mortos pero tamén porque se nos transmite de xeración en xeración, contando e non parando casos e sucedidos protagonizados por persoas das nosas familias ou da veciñanza. Lembren a amargura de Fiz de Cotovelo que nin foi de vivo a Teixido nin a América, nin de morto deixou de amolarlle o negocio nos camiños da fraga de Cecebre ao bandido Fendetestas.
A solución a esas molestias que causa a ánima é sempre a mesma; a que recomendou tradicionalmente o crego experto que sempre, indefectiblemente, aconsellará misas esmolas ou peregrinación a un santuario, consello que en moitos casos xa preveu e deixou debidamente dotado economicamente o morto nos mandados testamentarios. Cando se atenden esas vontades, a paz volve a gobernar a vida dos vivos importunados e a desacougada ánima queda purificada e lista para abandonar o Purgatorio e pasar a residir no Ceo ata que chegue a prometida proba definitiva, o Xuízo Final. Outra cousa ben diferente, de non imposible pero si complicada solución, será que a ánima estea xa padecendo os rigores do Inferno.