Opinión

Balsaminas

TRÁTASE dun libriño de 66 páxinas da autoría do sacerdote, capelán da catedral de Mondoñedo e escritor, Manuel Rico Prieto. Foi impreso en Tip. de C. de Acción Social Católica en 1953. Contén 21 capítulos organizados baixo os subtítulos cuentos, teatro, versos, santoral de Galicia e guión histórico de Mondoñedo.

O título seguramente ten que ver coas propiedades cicatrizantes que se atribúen á planta chamada balsamina, ou, se cadra, ao nome comercial dunha pasta que se usaba contra catarros e afonías.

Os títulos dos relatos son Mercedes d’o Pazo, La Francesita — onde se alude aos contratempos amorosos entre Pascual Veiga e Eustorgia Acebo—, Mariana Pineda, Antonio y Aurelia, Sacrificio de amores, Leyenda piadosa —descrición dun milagre da Virxe dos Remedios —, El sargento Filgueira e pequenas pezas para teatro como os xoguetes cómicos Yo quiero ser estrella, El relevo de la guardia, Gonzalo, el poeta ou O Paragüero (monólogo cómico-lírico), este en galego. Tamén están escritos en galego os poemas A Campaíña d’as Monxas, Abandonada d’os seus, Subida e baixada, Sembranza —dedicado a A. Noriega Varela— e Sembranza (doce recordo) dedicado ao bispo e poeta asturiano en bable Manuel Fernández de Castro.

No titulado El lobo de mar recrea unha ofrenda á Virxe dos Remedios. Seguen textos como Santoral de Galicia, un recopilatorio de mártires, beatos, venerables, misioneiros e santos, canonizados ou non, vencellados a Galicia, entre os que se citan a San Gonzalo, San Rosendo, as monxas mindonienses sor Marcelina del Riego e sor Umbelina —tía carnal do autor—, así como o padre pasionista, natural de Foz, Manuel Canoura, quen pasou de servente no convento dos Picos a frade. Foi asasinado en Turón (Asturias) en 1934 e canonizado como San Inocencio Canoura en 1999.

Completan a obra Guión histórico de Mondoñedo, Mindonienses ilustres, con breves biografías de persoeiros relevantes, e Episcopologio de Mondoñedo 1853- 1953, un mostrario de opúsculos e textos literarios que deberon ser elaborados polo autor en diferentes épocas da súa vida.

Segundo datos aportados por Andrés García Doural, o autor naceu en Mondoñedo o 12 de xaneiro de 1889 e morreu o18 de novembro de 1964. A súa familia materna foi caseira na propiedade anexa ao convento dos Picos tras a Desamortización en 1835.

Segundo José Mª Díaz, Manuel Rico foi dos primeiros que tivo aparato de radio en Mondoñedo. Sábese por transmisión oral que moitas das súas creacións foron mutiladas polo bispo en exercicio. Asinou artigos de tema histórico, cultural, relixioso e político en xornais e revistas como Vida Gallega, San Pedro de Mezonzo, Pregón e, sobre todo, no Vallibria dirixido por X. Trapero Pardo. En Las Riberas del Eo de 2 de outubro de 1954 publicou un curioso texto poético titulado Mindonienses ilustres no que fai unha relación de paisanos egrexios. Tamén é autor de Vibraciones, miscelánea publicada en 1934.

Nos textos, a inmensa maioría en castelán, predomina o ton doutrinal, sempre na defensa de valores políticos e relixiosos de natureza conservadora.

Comentarios