Opinión

As orixes do Nadal

NO MUNDO céltico a lúa do solsticio de inverno era sagrada, os druídas cortaban o acivro e sacrificaban dous bois brancos. Celebraban a festa de Yule tras a estación escura queimando un toro de madeira. Honraban a Frei, deus da fertilidade e do amor, con festas e bailes, prendían fogueiras e pedían que o ano entrante fose frutífero. 

En Roma celebraban nestas datas as Saturnalia, as festas máis populares do calendario romano en memoria da consagración do templo de Saturno no ano 497 a. C. Era o deus do plantío e das colleitas, fora expulsado do Olimpo por Zeus e acollido no Lacio como rei, onde propiciou un tempo de paz e prosperidade chamado Idade de Ouro. Comezaron celebrándose un só día, o 19 de decembro, para pasar a durar sete, do 17 ao 24, na época de Cicerón. Cando a reforma do calendario Xuliano, ano 45 a. D.C., o mes de decembro medrou dous días e as Saturnais adiantaron o seu comezo ao 17 de decembro. Eran días de relaxación, sen prohibicións nin traballos, bebendo e comendo nos que a inversión era tal que ata os amos servían aos escravos. Intercambiábanse agasallos como as sigillaria, pequenas figuras ou bonecas de terracota ou prata para os máis cativos, e cerei, candeas coas que os humildes agasallaban aos patróns. Tamén poñían árbores con xoguetes. Estas festas co nome de Brumaria —de bruma, borraxeira— seguíronse celebrando ata mediados do século IV d. C. 

O Dies Natalis Solis Invicti, instituído por Aureliano no 274, celebrábase en Roma cando a luz do Sol comezaba o seu renacemento no solsticio de inverno. Os fieis acudían a un santuario e sacaban en procesión unha imaxe do Sol representado por un neno acabado de nacer. Constantino decretou no 321 que o Día do Sol sería o día de descanso entre os romanos, e os emperadores representábanse coa cabeza radiada, como soles. 

O culto a Mitra, deus solar de orixe persa, foi popularizado no occidente europeo polas lexións romanas. Tiña carácter mistérico e compartiu co cristianismo moitos dogmas, ata o punto de competiren entre os séculos I e IV D.C. por seren a relixión dominante. Na cidade de Lugo descubriuse, no soar do vicerreitorado, un altar a Mitra, único descuberto ata o de agora no noroeste peninsular. Na inscrición, o dedicante, Gaio Vitorio Vitorino, un centurión recadador de impostos, pídelle ao deus a protección da oficina de recadación e dos libertos Segundo e Víto. 

No ano 380, tras a prohibición por Teodosio de todas as relixións agás a cristiá, acabaron as celebracións do Sol Invicto. O Dies Solis pasou a chamarse Dies Dominicus —actual domingo— e o Dies Natalis Sol Invictus pasou a ser o Dies Natalis Domini Iesu Christi. O Papa Xulio I oficializa a mediados do século IV o 25 de decembro como a do nacemento de Xesús. 

As coincidencias evidentes —Yule, Saturnais, Sol Invicto, Mitra—, todas sincretizadas pola cultura xudaico-cristiá, tratan do renacemento cíclico. O astrodeus, o Sol, o pai e gran fertilizador da vida co que todas se identifican, representa no solsticio a luz e a vida fronte á escuridade e as tebras que deixamos atrás.

Comentarios