Opinión

As malas augas

A auga é imprescindible para a vida, xa se sabe. Veña dunha fonte ou dun regato, do río ou do mar, da chuvia ou da rosada, ten, segundo a hora do día ou da noite, ou a época do ano en que se use, diferentes utilidades e non sempre boas, agás que se bendiga como a que lava o pecado orixinal ao bautizar. 

A que chega coas treboadas soe provocar arroiadas ou consecuencias apocalípticas como disque sucedeu cando o Diluvio Universal. 

Nalgunhas fontes, lagoas ou ríos fanse ofrendas e imprecacións pedindo axuda para curar un mal ou resolver unha dúbida. Nalgunhas destas augas botábanse culleres de ferro e armas de bronce nos leitos dos ríos como agora se botan moedas, pan ou flores nas fontes, nos ríos e no mar para acougalos ou para saber que vai ser das nosas vidas. 

A auga dorme, como as persoas. Hai quen di que morre cada día ás doce da noite. Se un ten sede de noite recoméndase remexela para espertala antes de bebela. Segundo nos conta A. Fraguas, non se pode beber cunha luz na man. Se precisamos un candil, unha vela ou unha lanterna para movernos pola casa debemos pasarlle a luz a alguén antes de mollar os beizos. 

Tamén se considera perigosa a auga fría. Disque causa unha inchazón esaxerada da barriga. Lembren os versos do romance de dona Eusenda: "Nin teño o mal de Aldrope / nin eu me encontro preñada / teño o mal das augas frías / bebidas de madrugada". Hai quen mete e saca apresuradamente un tizón aceso no recipiente que a contén para quecela. 

"Auga corrente non mata a xente"; ou sexa, non é recomendable beber a auga parada. Cóntanos Xabier Moure que en Navia de Suarna consideran que nos meses de febreiro e marzo non se poden regar os campos de ríos ou regos pois as augas están preñadas. E vese a preñez nunha especia de moco ou limo que algúns consideran que é onde se crían os cúcharos —cabezolos, cágados, cabezudos, relos —. Nada impide que se reguen coa auga das fontes, especialmente se nacen na montaña pois é a mellor para «coller sangue», tanto a terra como os animais e as persoas. 

No antigo mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte, agora reconvertido en Parador, hai un claustro co pavimento inclinado e con canles para recoller as escorreduras das chuvias. Parece ser que os frades clasificaban as augas segundo o mes do ano. As dos meses con R non eran boas así que as desviaban a un desaugue cara o exterior. En cambio, as dos meses sen R, de maio a agosto, aprezábanas e almacenábanas nun alxibe para usalas. 

De moitos pozos dise que rebordaron ata chegaren a afogar o que hai de arredor. Así desaparecería a mítica cidade galega chamada Brandomil, localizada arredor do Pozo Limideiro ou Lamedeiro, no concello de Zas, e Bandomil ou Trastomil, que estaba en Santaballa de Vilalba. Así desapareceu tamén a famosa Ker-Is, na Bretaña. 

As historias sobre a capacidade destrutiva dos pozos chamados peagos ou airóns son aínda máis terribles. Pero diso e doutros seres maléficos das augas —lavandeiras, mouras, serpes...—, de ánimas de afogados e doutras monstruosas criaturas acuáticas escribiremos outro día.

Comentarios