Opinión

Arxeriz

ESTREAMOS este 2021 cunha visita ao Ecomuseo Pazo de Arxeriz que mantén no lugar do mesmo nome, parroquia de Fión e concello do Saviñao, a fundación Xosé Soto de Fión.

Ás numerosas salas e dependencias que ocupan as distintas coleccións expostas, a unha contorna moi coidada e equilibrada, con horta, videira, xardín e bosque, súmase a visita á croa parcialmente escavada do inmediato castro de Arxeriz, e desde alí, como por maxia, pódese contemplar a máis famosa revolta do río Miño, a que aparece en todas as fotos e postais e que leva o nome Arxeriz de Cabo do Mundo.

A pesar da friaxe ambiente destes primeiros días de xaneiro, a visita paga moito a pena aínda que non son, seguro, estas as mellores datas do ano para pasear, gozar, ver e aprender dunha simbiose tan harmónica entre medio, patrimonio e memoria. Propoñemos facelo entre o atardecer da primavera e o primeiro outono, cando a natureza se engalana e certa fauna se deixa ver. As vides e plantas medicinais e aromáticas, o arboredo variado, maioritariamente autóctono, está identificada con rótulos. Dentro do vello pazo do século XVII consérvase a lareira, cuartos e salas con mobiliario de seu, amais dunha mostra de pezas arqueolóxicas procedentes do castro.

Nas distintas dependencias de arredor pódense visitar os espazos dedicados á cultura fluvial, coa maior exposición de Europa de barcas de río e aparellos de pesca sen esquecer o impacto negativo que supuxo o exceso de encoros. A sala dedicada á viticultura tradicional é outra das máis completas, con mostra de utensilios, ferramentas e explicación dos distintos procesos para a elaboración do viño. Noutros anexos pódense contemplar detalles ben interesantes como os esgrafiados, os murais da capela, o forno, o cabazo ou a cantarela da auga no estanque.

Outras coleccións amosan a importancia de oficios tradicionais como a cestería, olaría ou detalles do Entroido Ribeirao que pronto se completarán, segundo nos dixeron, coa apertura dun espazo dedicado ao mundo do carro. E todo, sala a sala, complementado cun rotulado proporcionado, boas fotografías, paneis gráficos, documentos e un mapa interactivo do patrimonio da Ribeira Sacra. Queda atrás unha longa historia deste lugar cuxo propietario máis coñecido foi o eminente médico e científico Luís López Suárez, Xan de Forcados (1884-1960). Mercou o pazo en 1916 e desde alí intentou impulsar a modernización do campo galego, promoveu a creación da Misión Biolóxica de Galicia e outras moitas iniciativas encamiñadas á formación dos nosos investigadores. Patrocinou estudos hoxe referenciais do patrimonio da Terra de Lemos, deu agocho a numerosos perseguidos polo fascismo tras o golpe de 1936, e ata actuou en defensa da muralla de Lugo fronte ás ansias devastadoras do alcalde López Pérez.

O que hoxe é Ecomuseo Pazo de Arxeriz pasou despois por outras mans ata que en 1996 Xosé Soto crea a fundación que leva o seu nome e se inicia o que hoxe é, un exemplo didáctico modélico de como conservar a memoria do patrimonio material e inmaterial con respecto e autoestima.

Comentarios