Opinión

Arde Galicia

Cando arde o lugar onde naciches e viviches, a terra que che deu de comer e as fontes que che deron de beber despides varias xeracións do teu sangue
 

ARDE GALICIA é o título dun cadro de María Luz Antequera (Cáceres, 1948- 2006) que estivo exposto nunha sala do Museo Provincial de Lugo. Esta obra, que sigue sendo parte dos fondos do museo, resultara galardoada en 1976 co primeiro premio nun concurso de pintura dedicado ao bimilinerio da cidade. Representa unha muller que sostén coas mans un pano ardente entre laparadas e fume, simbolismo figurativo sobre un mal recorrente, o lume e as consecuencias terribles dos incendios que reducen a cinsas a natureza coa súa biodiversidade, amais de casas e animais para acabar por chamuscar irremediablemente a vida da xente que habita o medio.

Arde Roma


Cando o gran incendio de Roma do ano 64, —durou unha semana— os inimigos políticos de Nerón acusárono de provocalo e de se rir da súa triste fazaña. A tal fin creouse unha imaxe icónica que representa a Nerón ido, bailando e tocando a cítara mentres a cidade se consume.

Os investigadores non coinciden sobre a magnitude da traxedia. Uns opinan que non puido ser Nerón o causante pois cando comezou o lume estaba ausente, e que en canto coñeceu a nova se puxo en camiño e tratou de socorrer aos máis prexudicados.

O emperador, para defenderse, sinalou os cristiáns e sacrificou uns cantos. Uns crérono e outros non pero, naquel enorme soar devastado polas lapas, Nerón mandou construír a Domus Aúrea, o palacio máis grande e luxoso que viu Roma no seu milenio longo de historia. Houbo que recadar máis impostos e precarizar moitas vidas humanas para erguer aquel monumento na súa honra.

Arde Galicia


Estes días arde a terra e a xente. Non direi que algún Nerón prendese os lumes nin se contratou un sicario ou se foron casuais; pero cando o país arde, a xente ve reducida a súa vida a un montón de borralla.

Cando arde o lugar onde naciches e viviches, a contorna que coidaches, a terra que che deu de comer e as fontes que che deron de beber despides varias xeracións do teu sangue.

Con cada casa, arde a memoria e a historia de quen a habitou, e tamén se queima a esperanza nun futuro que non vai remediar ningunha axuda por moi urxente e xenerosa que sexa. Con cada vaga de incendios sucede o mesmo. Corren os políticos ao posto de mando, búscanse culpables, divágase sobre as posibles causas e propóñense remedios pero, unha vez que chove, todo é nada. Só fume!

De todo isto hai responsables, evidentemente. Galicia é unha tea multicolor que arde cada pouco desde hai moito como no cadro de María Luz Antequera; un pano máxico que en vez de deixar ceibe cada mañá a pomba da liberdade, parece empeñarse en ofrecer unha oportunidade para que un Nerón calquera edifique un monumento ao ego sobre os tizóns carbonizados que seremos todos os demais.

Arde Galicia; ardemos nós!

Comentarios