Opinión

Antía Cal, muller e mestra

O PASADO 30 de marzo falecía en Meira (Moaña) Antía ‘Tita’ Cal Vázquez. Filla de pais orixinarios do concello lucense de Muras, naceu na cidade da Habana o 8 de abril de 1923. En 1931, xunto co irmán nacido en Cuba e a súa nai, regresaron a Galicia. Fixo estudos de Comercio, Maxisterio e Filosofía e Letras, especialidade de Xeografía e Historia na USC. Casou co oftalmólogo Antón Beiras García con quen tivo catro fillos.

Fundou en Vigo en 1961 o colexio laico e misto Rosalía de Castro, onde se impartían clases en español, inglés e galego. Introduciu no ensino novas metodoloxías pedagóxicas que lle valeron merecidos recoñecementos nos últimos anos de vida. O 30 de outubro de 2010 tivemos a sorte de poder gravar a súa intervención no centro sociocultural Daniel Castelao de Moaña para o proxecto Polafías que desenvolve a Sección de Literatura Oral da AELG. O vídeo está a disposición libre na web aelg.org

Quen se achegue a esta gravación poderá contemplar como Antía se emociona, como chora de ledicia, ao falar da súa nai, muller de coraxe e emprendedora, ao relembrar detalles biográficos como a marcha a Cuba, deixando a cargo da avoa un meniño de tres meses.

Cando ela tiña nove anos regresaron. Xunto coa memoria dos choros da nai durante a travesía lembra a escala do barco durante tres días en Nova York. O primeiro día a nai vestiunos «coa roupa da misa» e levounos ver o rañaceos máis alto do mundo, o Empire State. O segundo foron contemplar a Estatua da Liberdade e o terceiro levounos ao zoo. Memoria imborrable daquela breve estadía en Nova York e da afouteza da nai que non reparara en perigos para ensinarlles un mundo descoñecido.

Outra parte da súa intervención dedicouna a relatar como descubriu, non os deberes senón, sendo muller, os seus dereitos. Foi feliz no Colexio Dequidt da Coruña onde estudou o bacharelato. Un dos seus irmáns quería estudar para médico e ela, despois de descubrir grazas a un profesor como tiña que facer para estudar Xeografía, tivo que pedirlle permiso por carta ao pai, comerciante na Habana Vella, para ir á Universidade. A resposta foi reveladora. O pai díxolle que non había cartos para estudalos a todos e que ela tiña que axudar a súa nai.

A nai coraxe foi auxiliadora. Recomendoulle escribir de novo ao pai e dicirlle que a nai non precisaba axuda e que lle indicase que estudar. A recomendación do pai foi Comercio mais, grazas a unha amiga que lle dixo que Franco matara moitas mestras e mestres e que había traballo, decidiuse por combinar os estudos de Comercio, que facía no verán, cos de Maxisterio o resto do ano. Aos 18 anos tiña dúas carreiras. A descuberta do pedagogo Pestalozzi naqueles libros de Maxisterio e as clases de labores ás que só asistían as alumnas son recordos daqueles días.

Cando xa podía exercer como mestra, un destino seguro era unha escola de aldea desas nas que ouvean os lobos á orella. Colleu medo. A nai, sabendo que quería ir á Universidade estudar Filosofía e Letras, dixo, decidida: ‘Agora vou mandar eu!’. E foi. As mulleres, conclúe Antía, somos emprendedoras a pesar do machismo.

Comentarios