Opinión

Aganchatorres

O académico de honra da RAG, que contribuíu á proxección da lingua fóra das fronteiras, faleceu aos 92 anos en Barcelona
► A biblioteca de Láncara levará o nome do intelectual a modo de homenaxe, segundo indicou o tenente de alcalde, Pablo Rivera

O granadino José Puertollano agatuñou as dúas torres da catedral de Mondoñedo na segunda quincena de setembro de 1910. Pola mañá partindo desde o chan coroou a torre dereita e pola tarde, comezando á altura do segundo corpo, a esquerda. Acomodado nos brazos da cruz de ferro que a remata saudou ao público congregado na praza e despois, con parsimonia, segundo conta El Norte de Galicia do 25 de setembro, prendeu un cigarro.

A finais do mesmo mes volveu a Mondoñedo colocar os pararraios das torres que estaban deteriorados e inspeccionar os do Hospital de San Pablo. Os últimos retoques desas encargas, non todo ían ser acrobacias, rematounos no mes de novembro inmediato.

Este equilibrista é o mesmo que sorprendera en Compostela ao rei Afonso XIII polas festas do Apóstolo de 1909 cando lle berrou "maxestade" desde o alto dunha das torres da catedral. O mesmo día volveuno cachar nun paseo, desta volta saudándoo, sen que a seguridade se precavese, cunha palmada nas costas.

Un dos últimos destes homes-araña que fixo tournée por Galicia foi o leonés José Ramón Díaz Iglesias, un antigo pintor de brocha gorda que en 1959, cando ascendeu a torre máis alta da catedral de Santiago, contaba 23 anos. Era pequeno e fibroso, usaba só as mans e os pés. A súa ilusión, ver París desde o alto da Torre Eiffel. Facíase chamar Águila de Oviedo -remedo do alcume do entón famoso ciclista F. Martín Bahamontes, a Águila de Toledo-, pois foi nesa cidade onde debutou aló polo ano 1958.

Segundo Andrés García Doural no programa das San Lucas de 1960 actuou en Mondoñedo Manuel Puertollano, fillo de José, coa desculpa de realizar "algunos trabajos ante el público" nas torres da catedral. Descoñecemos o resultado desas operacións.

Pero antes, nos primeiros días de xullo de 1960, despois de xirar pola Coruña e Lugo, actuou en Mondoñedo a Águila de Oviedo segundo o artigo publicado en La Noche por Álvaro Cunqueiro o 12 de xullo. Ese mesmo ano, en novembro, ascendeu a torre da igrexa do Sagrado Corazón de Santander cos ollos vendados. En 1964 fracasou, por culpa dunha lesión muscular, no intento de coroar a igrexa da Peregina de Pontevedra.

A película O home mosca (Safety Last) protagonizada por Harold Lloyd -dobrado nas escenas arriscadas polo especialista Bill Strothers- e estreada en 1923 popularizou enormemente esta arte. O andaluz José Puertollano e o seu fillo, Manuel, os portugueses Augusto Silva, Antonio Sousa e Arminolo Massa Vaz -que lucía na camisa unha caveira con dúas tibias cruzadas á maneira pirata- e o leonés J. Ramón Iglesias, non desmerecerían doutros sonados gabeadores como o alemán Hermann Becker e o francés, aínda en activo, Alain Robert, os máis grandes aganchatorres destes tempos.

Para o final unha nota rosa. Antonio Sousa sufriu unha grave caída ao tentar ascender a fachada da casa do concello da Coruña en 1933. Cando lle deron a alta médica quince días despois comprobou que do hospedaxe onde paraba desaparecera unha maleta e un reloxo, e tamén a súa esposa, unha ourensá chamada María Estévez que se fugara cun compañeiro ascensorista, un tal J. Díaz Oliveira.

Comentarios