Opinión

Abrulas

É TEMPO de abrulas ou dixital purpúrea, a planta con máis nomes —arredor dun cento— das que abundan entre nós. Renacen as abrulas —abeloiras, belicroques, crocas, dedaleiras, estraloques, milicroques, sanxoáns…—canda o cuco e as andoriñas que tamén, á súa maneira, florecen de amor en primavera.

Algúns dos nomes teñen que ver co ruído provocado —pasatempo de xente moza—ao comprimir o extremo da flor e premer a campánula para provocar o estalo. En inglés, lingua na que tamén se nomea de varias maneiras, dinlle foxglove —luva de raposo—, e fairyfingers —dedos de fada—, en alusión á forma das flores, e en Irlanda dead man’s thimbles —dedal de morto—. Tamén existe a crenza de que o raposo calza as campánulas para entrar con sixilo nos galiñeiros.

En 1542 o botánico alemán Leonhard Fuchs identifica e cataloga esta planta, e denomínaa dixital por ser do grosor dun dedo, e purpúrea pola cor. No século XVIII, William Withering descubriu os seus efectos que describe en An account of the foxglove and some of its medical uses (1785). Withering fixouse na planta porque andaba namorado de Helene Cooke, moza afeccionada a pintar flores. El recollíaas e regaláballas para conquistala —acabou sendo a súa esposa— e de paso estudou os seus efectos beneficiosos nas enfermidades humanas. Por certo, a tumba deste científico, situada nunha parede dunha igrexa de Edgbaston en Birmingham, está decorada cunha rama de dixital purpúrea.

É planta tóxica. Úsase en humanos e animais contra procesos febrís, hidropesías, cefaleas, inflamacións e, sobre todo, alteracións cardíacas, xeralmente tomando o po das follas secas aínda que se usou en fórmulas como o viño diurético Hotel-Dieu inventado por A. Trousseau. Tamén resulta efectiva para tratar trastornos dos ouriños e contra as mordeduras das víboras.

Coidado! O uso abusivo e sen control destas follas é moi perigoso pois tamén é a responsable de numerosas mortes. Cóntanos Xosé Mª Gómez Vilavella que despois da Guerra Civil os vellos de Castroverde liaban cigarros coas follas secas dos tróqueles, o que posiblemente acelerou a morte dalgúns deles.

Para tratar unha doenza mental do pintor Vincent van Gogh un médico chamado Paul Gachet tratouno cun composto desta planta chamado dixitoxina, e o pintor agradeceullo retratándoo cunha dixital na man. Disque o persistente amarelo que usa Van Gogh nas súas obras pode ser un efecto secundario desta medicación.

Xa no século XI, en Gales, se consideraba planta axeitada para combater maleficios. Dise que onde medra a abrula bailaron as bruxas en noites de lúa chea, aínda que, parece contraditorio, tamén as escorrenta e, en xeral, todos os males das casas e dos seus ocupantes. É por iso polo que se soe poñer en portas, ventás e buratos de vivendas e cortes na Noite de San Xoán.

O poeta Antonio Noriega Varela, quizais namorado como Withering, nun poema dedicado a Mª Clotilde Pulpeiro "xentil moza ribeirana" fíxase nas abrulas: "Reina, ¡pola túa almiña / non me condenes a ialma! / non fuxas espavorida / ¡non me deixes coa grinalda / de purpúreas abruliñas / que están pingando a rosada!".

Comentarios