lunes. 26.07.2021 |
El tiempo
lunes. 26.07.2021
El tiempo

Abrindo camiños

Espantada a pandemia, ou polo menos en transo de derrota, volven con brío ao calendario as XIV Xornadas do Peregrino que cada ano organiza Abrindo Camiño arredor nesta ocasión da historia local e da memoria da emigración. Desenvolveranse en distintos lugares de Mondoñedo, en sucesivas fins de semana desde o 12 de xuño ao 3 de xullo, cun programa ben atractivo e moi variado. Ademais de contar co patrocinio das principais institucións e da participación dos seus representantes, a organización ten o apoio de colectivos locais e de organizacións comprometidas coa promoción e salvagarda dos camiños de peregrinación.

Haberá lugar para homenaxes, relatorios e debates, para paseos e visitas a museos, e tamén para o lecer. Desta volta baixo o lema ‘Mondoñedo na lembranza’ ponse un dos focos de interese naquelas mulleres e homes que se viron forzados a emigrar ao outro lado do Atlántico. Destacaranse as figuras de Andrea López Chao e Francisco García Olano, ilustres mindonienses que, con moitas outras e outros, deixaron unha profunda  pegada tanto nas terras de acollida como agradecemento na de orixe.

Francisco García Olano (Mondoñedo, 1870- B. Aires, 1933), emigra a Arxentina en 1887 onde prospera como comerciante. Participou na fundación do Banco de Galicia e foi presidente moi activo do Centro Galego. Andrea López Chao, mestra emigra para ser docente distinguida da escola do Centro Galego e dirixente da sociedade Hijas de Galicia que atendía as necesidades sanitarias das mulleres galegas en Cuba, todas vítimas do desamparo social e moitas escravas da prostitución. Tamén foi militante moi activa dos movementos feministas dos anos 20. Xunto a estes dous nomes falarase doutros cuxas biografías merecen recoñecemento.

Outro asunto a destacar é a homenaxe que no decorrer destas xornadas se dedicará a lembrar a Juan Múñoz y Salcedo, bispo de orixe xiennense que exerceu entre 1705 e 1728. Promoveu numerosas obras na catedral, entre elas a construción das dúas torres da fachada e o frontispicio con todos os ornamentos que aínda están á vista, tamén no pazo bispal e no convento dos Picos. Tivo contratempos como o controvertido traslado das monxas concepcionistas que por deterioro grave da súa residencia, sita no actual Pazo de San Isidro, ocuparon uns cinco anos no pazo episcopal. Durante este período, o bispo, se cadra por recato ou por non dar que falar ao convivir con mulleres na casa bispal, residiu o máis do tempo no convento franciscano de Viveiro. Tras un longo preito entre o cabido e as monxas, que pretendían ocupar nova residencia a carón do santuario dos Remedios, construíron casa nova onde agora está —daquela rúa Batitales Alta—, inaugurada en 1716.

Como digno predecesor doutro bispo transformador da cidade de Mondoñedo, Sarmiento de Sotomayor, tamén promoveu moitas obras civís. Entre elas, e pola súa conta, acometeu a traída de augas desde Os Pedregás ata a cidade.

Quen se achegue a Mondoñedo terá ocasión de coñecer estas e outras pólas  da árbore da memoria que tanto nos alimenta.

Abrindo camiños
Comentarios