martes. 15.06.2021 |
El tiempo
martes. 15.06.2021
El tiempo

A Serra de Armeña

Xa hai que teño curiosidade por saber onde queda a Serra de Armeña da que fala un conto recollido por Laureano Prieto, o mestre e gran etnógrafo galego.  Publicouno nos seus Contos Vianeses (1958) co título O home-león, contáronllo en Bembibre, Viana do Bolo, e, en resumo, narra como fixo o mozo pretendente para poder rescatar unha moza que estaba secuestrada por un xigante nunha cova. A misión, ir buscar un ovo á Serra de Armeña.

No camiño cara ese lugar incógnito deu cun león, unha raposa, unha aguia e unha formiga —os axudantes máxicos— que rifaban entre eles para repartir unha presa que cazaran. O mozo resolveulles o conflito e eles, en agradecemento, déronlle o don de dicir De home a..., e segundo a quen dos animais amentase recibiría maxicamente as súas habilidades.

Tivo que usalas todas, incluídas as do león, o que lle permitiu, tras moitas horas de loita, desfacerse dunha cobra xigante que resultou ter un ovo nas entrañas.

De volta, o rapaz foi co ovo á cova do xigante e estampoullo na fronte provocándolle a morte instantánea. Do que pasou despois entrambos mozos ben poden imaxinalo.

En El Patrañuelo de Juan de Timoneda (1567), libro onde se recrean patrañas —contos, invencións— vén a historia de dous homes residentes en Alexandría cuxas esposas —que falecen no parto— paren fillos varóns o mesmo día. Póñenlles de nome Tolomeo e ambos son aleitados pola mesma ama, medran parellos e tan idénticos que ninguén sabería diferencialos agás a aia. Pasou o tempo, os pais mudaron de cidade e con eles foron os fillos sen saberen que a ama llos entregaba cambiados. Pasou máis tempo. Un dos Tolomeos e a irmá “sin tener respeto al deudo que ellos pensaban tener, se ayuntaron los dos” e tiveron un fillo que botaron ao río Armenia cando reflexionaron sobre o froito dun incesto. A ama, sabedora do acontecido, caracterizouse de ermitá, rescatou a criatura da auga e cando chegou o momento aclarou a confusión. Dixo que o neno non era fillo do pecado, pois non eran irmáns, senón do amor. E todo isto sucede na Serra de Armeña, a unha xornada da cidade de Alexandría.

Pero resulta que a Serra de Armeña tamén é o nome do lugar onde desembarcou Noé tras o diluvio. Cóntase que andaba o patriarca paseante por aquelas paraxes cando deu cunha parra con uvas. Probounas, gustáronlle e espremeunas, e tanto mosto bebeu que se emborrachou. Pero antes de decatarse de que acababa de inventar o viño fixo o que fai calquera borrachiño; andou bandeando en coiros coas vergonzas ao aire ata que caeu rendido. Ao velo así, o seu fillo Cam burlouse del mentres os outros irmáns o taparon e coidaron ata que recuperou o siso.

Cando reviviu quixo saber que pasara. Agradeceu os coidados dos outros fillos e a Cam converteuno en proxenitor dos mouros, nos dos míticos dos nosos castros senón dos musulmás.

Parece pois que a Serra de Armeña  non está no país que hai máis alá de Turquía senón próxima á mítica cidade de Alexandría, en Exipto. Afastamento que non impide que por aquí se conten estes contos que nos fan viaxar alí na prodixiosa nave que propulsa a nosa imaxinación.

A Serra de Armeña
Comentarios