miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

A moza de Moore

ENTRESACO do meu Contrahistorias de Galicia (Embora, 2020) esta historia que probablemente se repita, como cada ano desde 1839, o vindeiro domingo, 16 de xaneiro.

O xeneral inglés John Moore era case un cadáver aquel 16 de xaneiro de 1809, cando os que estaban ao seu carón nunha casa do Cantón Grande da Coruña escoitaron o que lle dicía ao soldado Charles Stanhope: "Stanhope! Dealle os meus recordos á súa irmá!", e a continuación expirou.

Acabou así a vida dun soldado destemido e comezou a do heroe mítico sir John Moore, quen fora abatido por unha bala dun canón francés en Elviña, nos arredores da Coruña, nunha batalla na que ingleses e franceses, sen sabermos aínda hoxe quen gañou, combatían polos seus propios intereses en terra galega.

Soterrárono de incógnito no xardín de San Carlos, entón chamado Baluarte de don Carlos —en memoria de don Carlos Francisco de Croix— e, como din os versos que lle dedicou Charles Wolfe, "nin unha liña gravamos, nin unha pedra pulimos; deixámolo só coa súa gloria".

Mais, quen era a irmá do soldado Stanhope? Que relación podía ter co xeneral Jonh Moore? Foi Manuel Murguía quen revelou o segredo cando escribiu o 16 de xaneiro de 1840 o seguinte: "Cando apenas se abriran as portas do xardín de San Carlos, unha muller como duns 50 anos de idade, alta, esvelta e cuxo rostro dunha cor branca mate, con ollos azuis e os grosos e louros rizos que acariñaban a súa fronte delatábana como filla da raza anglosaxoa, atravesou solitaria e silenciosa as curtas alamedas".

Aquela muller que daquela xa era só pó espiritual chamábase lady Hester Stanhope. Morrera en 1839, tras unha vida de fábula. Muller intelixente e culta, decidida, valente, orgullosa e excéntrica, formara parte do núcleo de confianza do primeiro ministro inglés, e tío seu, William Pitt.

En 1810, tras a morte de Pitt en 1806 e do seu amado Moore na Coruña en 1809, decide fuxir do mundo acomodado e aventurarse por espazos exóticos. Viaxou por Exipto e Siria, coñeceu con grave risco para a súa vida as tribos beduínas, visitou Palmira e Damasco, para acabar instalándose nun antigo castelo dos cruzados en Djoum. E alí foi onde viviu o resto da súa vida, acumulando débedas, abandonada por todos, incluídos os serventes máis fieis, vivindo en soidade e na miseria absoluta, tan só acompañada por un leal exército de gatos. En 1839 enferma e pouco despois morre.

Despois de Manuel Murguía, escribiron cada 16 de xaneiro sobre a recorrente presenza do espectro de lady Hester Stanhope no xardín de San Carlos da Coruña plumas tan prestixiosas como as de Leandro Carré, José María Castroviejo, Juan Naya ou Álvaro Cunqueiro. Todos coinciden en que aquel fantasma tiña que ser o de Hester Stanhope, aínda que non se poñen de acordo se o facía con aparencia de abrancazada brétema ou en figura de muller enloitada.

O certo é que sobre a tumba de Moore aparece pousada cada certo tempo desde entón unha fráxil e delicada poppy —papoula—, a flor da memoria que lembra aos ingleses caídos en combate.

A moza de Moore
Comentarios