Opinión

A Illa do Tesouro

HOXE convídoos a viaxar a Cuba, á Isla de la Juventud, antes Pinos, e visitar a cova na que viviu durante un cuarto de século un galego estrafalario chamado Antonio Isla.

A súa historia, esquecida, vén en Catauro de seres míticos y legendarios en Cuba de M. Rivero Glean e G. Chávez Spínola, un libro que merquei na Feira do Libro da Habana en 2008. Un catauro é un recipiente elaborado artesanalmente con follas de palma real e úsase aínda hoxe no rural cubano para carrexar alimentos. Nun catauro, entre froitas, —permítanme a licenza emotiva— naceu a india Jagua enxendrada por un raio de lúa.

Volvamos ao catauro de papel. A cova onde viviu Antonio Isla é identificada agora como Cueva Número Uno de Punta del Este, no arquipélago dos Canarreos, pero a principios do s. XX era coñecida como Cueva de los Monos. Parece que antes de Isla viviu nela unha familia de carboeiros, orixe da alusión aos monos que xeraron relatos de aparicións misteriosas, entre elas a dun ser con figura de home, co rostro negro e os ollos brillantes.

A cova, de grande interese arqueolóxico, especialmente polas magníficas pinturas rupestres alí atopadas —díselle a Capela Sixtina de Cuba—, tamén se chamou de Los Indios, del Humo e de Isla, en honor do noso personaxe. Tanto Isla como os ocupantes humanos que o precederon habitando a cova causaron danos irreparables coas súas cociñas de carbón que afumaron e deterioraron irremisiblemente moitos dos máis de douscentos gravados do teito.

Antonio Núñez Jiménez en Bojeo de Cuba di que o galego Isla se instalou na cova en 1937 —probablemente fose algúns anos antes—, que el o coñeceu alí mesmo en 1944 e que cando faleceu pouco tempo despois encontraron entre os seus papeis probas de que posuía unha avultada conta bancaria; ou sexa, que Isla puido ser un dos moitos contrabandistas que se refuxiaron naquel ermo rico en grutas e en enigmas.

Aínda que as escasas fontes que puidemos consultar non coinciden nas datas nas que Isla viviu na cova, parece que en 1944 andaba polos 75 anos e que o seu aspecto era saudable. O que máis lle chamou a atención a Núñez Jiménez foi a marca dunha enorme cicatriz que se lle vía no peito, consecuencia, ao parecer, dunha puñalada que lle traspasara o pulmón.

Na ruín foto que deste home puiden ver aparece dentro da cova, a carón dunha cociña de carbón, delgado e barbado, con chaqueta e pantalón claros, e a cabeza cuberta cun sombreiro.

Para os autores do libro dos seres míticos de Cuba, Isla era un pobre leñador, un ermitán, aínda que puido padecer algún asalto, motivado pola sona de que agachaba unha fortuna. Outra versión suxire a posibilidade de que verdadeiramente atopase un gran tesouro de piratas, que tería arrombado polas proximidades e que decidira vivir na cova para custodialo. Non nos sorprende! O propio Robert L. Stevenson identificou a Isla de los Pinos como a auténtica e xenuína Illa do Tesouro.

O investigador Núñez Jiménez deixou escrito o pensamento definitivo do ermitán: "A miña dor é pensar que algún día morrerei na soidade desta cova". E atinou.