Opinión

A Gioconda roubada

El sacerdote gallego falleció a los 98 años y deja un importante legado sobre la música del Camino de Santiago

EN AGOSTO de 1911 desapareceu do Museo Louvre de París a retrato da Monna Lisa, obra atribuída a Leonardo da Vinci. A triste nova, porén, provoca que aumenten as visitas ao museo ao que se achegan milleiros de curiosos co só propósito de contemplar o oco baleiro na parede.

Tardaríase máis de dous anos en recuperar o cadro e descubrir o ladrón, un pintor de brocha gorda que dixo actuar para restituír a Italia un patrimonio que lle correspondía lexitimamente. Entremedias, a policía detén a Apollanaire e a Picasso, sospeitosos de seren cómplices do roubo por dous motivos; por participaren en transacións comerciais cun ladrón que xa actuara no Louvre e por seren ambos asinantes do Manifesto Futurista que propoñía queimar museos, bibliotecas e academias.

Pero quedemos no Lugo daquel entón e repasemos o que escribiron sobre o caso os xornais da cidade: El Norte de Galicia, La Voz de la Verdad, El Regional, La Idea Moderna e El Progreso.

El Norte de Galicia é o primeiro que comenta o caso o día 26 de agosto. Anuncia que se atopara o marco e o cristal que protexía a tea debaixo dunha escaleira interior do museo. Ofrece detalles como as medidas, como chegara a obra ao Louvre, a quen representaba a Gioconda e ata di quen doara o marco e comenta que tras interrogar a varios traballadores da casa sóubose que a obra desaparecera na mañá do luns, 21 de agosto, entre as sete e as oito e media.

En días sucesivos o mesmo xornal faise eco de sospeitas -viaxeiros americanos, estudantes alemáns-, rumores como o posible traslado da obra a un estudo dun fotógrafo e tamén dá conta das recompensas en caso de recuperarse antes de setembro. Un individuo con brusa branca, disque visto polo interior do Louvre aquela mañá, convértese no obxectivo.

La Voz de la Verdad fala do asunto o 4 de setembro nun artigo poético-filosófico asinado por Luís León que se recrea no misterio que esconde o sorriso da Gioconda e conclúe que quizais non foi roubada, que, talvez, cansa de ver a libertinaxe daqueles tempos, decidiu fuxir do Louvre. Este mesmo xornal anuncia uns días despois que a policía española atopara o cadro en León, nunha pousada chamada Mesón de Ángel, na estrada de Asturias, e que detiveran a dous estranxeiros con nome francés. El Regional trata o tema sen aportar nada novo, agás comentar a resignación pola perda definitiva do cadro.

O asunto perde interese nos medios. De cando en cando coméntanse novas de falsificacións pero nada do orixinal. No ano 1912, El Norte de Galicia faise eco doutra fake new; a obra fora vítima dunha desafortunada restauración -precedente intelectual do eccehomicidio de Borja- e un verniz corrosivo estragáraa sen remedio.

E, por fin, en decembro de 1913 é El Regional quen dá a boa nova; a Gioconda aparece en Florencia, o roubo perpetrárao un vulgar ladrón, aínda que El Norte de Galicia non descarta que se trate doutra copia.

A principios de 1914, La Idea Moderna, en vez dunha crónica dos feitos, despáchase cunha ficción delirante asinada por Pedro Mille. Do que contou El Progreso escribiremos no próximo artigo.

Comentarios