Opinión

Yes, Mister...

UN DOS dos persoeiros que puxo de moda o uso do teléfono nun espectáculo humorístico foi o inesquecible Miguel Gila. Este madrileño de nacemento e bonaerense de adopción pasou unha mocidade terrible marcada pola Guerra Civil na que participou como membro das Xuventudes Socialistas Unificadas, formadas polas organizacións xuvenís do PSOE e o PCE, no coñecido Quinto Reximento que comandaba o comunista galego Enrique Líster.

Durante a contenda fratricida foi feito prisioneiro varias veces e incluso levado ante un pelotón de fusilamento. Segundo contaba, chegou a ser fusilado por un grupo de mouros pertencentes á brigada que comandaba o xeneral Yagüe pero, por mor da gran cantidade de viño inxerida polos impíos musulmáns, estes erraron o tiro. Facéndose pasar por morto puido continua-la súa vida e eludir o tiro de gracia que aqueles despiadados combatentes do bando nacional esqueceron darlle por mor do mal tempo reinante e convencidos da súa pericia como tiradores.

Ven avanzada a postguerra, Miguel Gila convertíuse nun deses tantos emigrantes españois que abandonaron a Península cara o Novo Mundo á procura dunha oportunidade para poder vivir dignamente. Gila embarcouse nunha nova aventura na capital bonaerense que o levou a ter contacto coa intelectualidade do momento e a desenrolar unha das súas virtudes, como era a súa capacidade como debuxante, e así comezou a gañar-la vida en publicacións de carácter satírico-humorístico que logo foi deixando para dar pasos cada vez máis firmes polo mundo do espectáculo e dos seus famosos diálogos finxidos, auténticos monólogos que tiñan como actor secundario ao seu inseparable teléfono negro.

Gila converteuse nun icono do humor intelixente utilizando como vehículo comunicador un teléfono e unha linguaxe sinxela e moi popular, con contos cheos de retranca que ben poderían proceder dun galego en lugar dun madrileño.

Saco a colación este tema porque nos últimos días estamos asistindo a unha especie de 'revival' onde Miguel Gila é substituido polo novo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, quen se pon en contacto cos principais líderes políticos do mundo utilizando o tradicional teléfono. Primeiro foi co seu homólogo de México Enrique Peña Nieto a quen, usando a xerga habitual de Gila, díxolle aquelo de "imos construir un muro para que non pasen os 'espaldas molladas' a los United States e ídelo pagar vós". Non me digan que esta frase non é digna dun dos diálogos habituais do humorista madrileño tristemente falecido no 2001…

Pois o tema seguíu co primeiro ministro australiano, Malcolm Turnbull, quen tras manter unha tensa e dura conversa co novo mandatario norteamericano tivo que sufrir como, dun xeito maleducado, Donald Trump lle colgou o teléfono. Non creo que fora o primeiro caso, pero foi un dos coñecidos e aventados pola nova administración da Casa Branca para que non quedara dúbida de quen manda, ou pretende facelo, no mundo.

Finalmente, tocoulle o turno a Mariano Rajoy e sin pretender ser graciosillo nin completar aquela típica triloxía de: "atópanse un mexicano, un australiano e un español con Donald Trump e un di…" Que podería quedar moi cutre; pero si me atrevo a parodiar un monólogo-diálogo de Miguel Gila para definir o encontro telefónico entre Trump e Rajoy:

—Ring, ring, ring… Colle o teléfono Mariano Rajoy: "Dígame". Yes, Mister. Yes, Mister. Yes, Mister. Yesss, Mister. Así durante un cuarto de hora e, tras colgar, preguntoulle Soraya Sáenz de Santamaría: 'Quen era?"

E contestoulle Mariano Rajoy: "Donald Trump, pero contesteille o que merecía", e eu engado: Ou non?

Comentarios