Opinión

Un paripé previo á repetición das eleccións

DE NADA serviron as mediacións das alcahuetas e das celestinas políticas que querían tentar ao demo e comprometer a abstención de Pedro Sánchez no debate de investidura de Mariano Rajoy como líder do partido máis votado nos pasados comicios xerais. O secretario xeral socialista foi ben claro e dixo non ao PP nunha xuntanza que durou o tempo preciso, entre 20 e 45 minutos, segundo as fontes consultadas.

Por si quedaba algunha dúbida ao respecto, supoño que sería por aquelo que dixo Xesús a San Pedro respecto a que o negaría tres veces antes de que cantara o galo (como, ao parecer, sucedeu…), o Partido Socialista proclamou aos catro ventos que a súa negativa ao PP íase manter polos “"séculos dos séculos, amén"” e que incluso abría a posibilidade de que, unha vez esgotada a capacidade e a iniciativa do partido máis votado, se puderan explorar novos escenarios e horizontes…

Pola súa banda, Albert Rivera xa está promulgando a súa disposición a servir de catalizador para un pacto a tres co Partido Popular, PSOE e Cidadáns como protagonistas, facendo da conformación do novo goberno unha cuestión de estado e de necesidade para o conxunto da sociedade española ou máis ben un antídoto anticipado ante a posibilidade de que unha nova convocatoria electoral acabe por traer auténticos ventos furacanados de cambio personificados polas mareas e candidaturas de unidade popular que en nada gustan aos líderes europeos, como Angela Merkel.

Peor o teñen na outra banda política, na socialista, onde non só non foron alternativa ao descalabro electoral do PP (63 deputados menos) senón que tampouco foron quen de se vislumbrar entre o electorado como alternativa natural aos populares, tal e como viña sendo ata o de agora, e aínda perderon 20 escanos. Cidadáns e, sobre todo, En Marea-Podemos foron quen de suscitar entre o corpo electoral maior confianza para abandeirar ese cambio.

Difícil vai ser o papelón de Pedro Sánchez: Unha vez que xa ten anunciado que votará non á investidura do candidato do PP ten que soportar o peso daqueles “"compañeiros”" de partido que lle advirten de que non pode cruzar unha serie de liñas vermellas para pactar con En Marea-Podemos-Esquerda Unida e outros porque podería acabar fagocitado ou moi desdebuxado e que é mellor deixar gobernar dous anos a Rajoy, que sufriría un gran desgaste, e logo rexurdir como alternativa nunha hipotética moción de censura.

De nada sirven os cantos de serea que desde a formación violeta lle fan chegar a Pedro Sánchez falando dun goberno de esquerdas liderado por un independente de probada solvencia xa que, no fondo, sería unha alternativa plenamente identificada cos postulados de Podemos e podería causar o natural recelo entre os baróns socialistas que están ao acecho.

Decida o que decida, o líder do PSOE vai sofrir un desgaste importante, sin contar coas adormecidas e previsibles trifulcas internas que se aveciñan cos principais baróns e lideresas do partido, que xa están a exhibir, ameazantes, as súas pinturas de guerra.

Polo tanto, ao meu modesto entender, estaremos abocados a pasar de novo polas urnas nun curto espazo de tempo onde tamén se acabará polarizando o voto, pero non dun xeito clásico entre o PP e o PSOE senón entre os conservadores, que tentarán amosarse nestes dous-tres meses como a única opción sensata e redentora do país, e as candidaturas de unidade popular que irán medrando, seguindo o exemplo de En Marea, e extenderanse por toda a xeografía española coa incorporación de Esquerda Unida, a nivel estatal.

E aquí, en Galicia? Desde logo a mensaxe foi moi clara: Os galegos están dispostos a premiar opcións emerxentes cunha mensaxe unitaria en lugar de apostar por recambios existentes clásicos (PSdeG-PSOE e BNG) polo que si os upegallos non queren perseverar no seu agónico e continuo “"hara-kiri”" particular, no seu erro estratéxico, o BNG deberá avanzar polo proceloso camiño da “converxencia” coas mareas para non verse apeado do proceso e garantir a presenza dun grupo galego propio no Congreso dos Deputados e un previsible cambio de goberno nas eleccións autonómicas, ou non?

Comentarios