Opinión

Rapaz, vaille dar a lata a un guardia

DESDE logo que é certo iso de que moito cambian os tempos. Lémbrome moito estes días de verán da miña avoa María, grazas a quen cando eramos cativos tivemos a oportunidade de disfrutar dunhas vacacións inesquecibles facendo acampada en Praia Maior, en Bueu, cando daquela non todo era delicto ou actuación sancionable, como pasa agora, por cuestións, en moitos casos, relacionadas coa voráxine recaudadora insaciable das administracións públicas.

Lémbrome de cando era un neno, que podiamos acampar libremente nunha finca próxima á praia, coller ao noso antoxo miñocas de mar e pescar no peirao sin medo a que ninguén nos esixira unha licenza acreditativa ou incluso coller nas rocas caramuxos, camaróns co truel ou un polbo (menudo trofeo!) cun cacho de xurelo ou un caranquexo (queimacasas chamábamoslle daquela...) atado dun xeito rudimentario, moi preto da punta, do bicheiro sin medo a inflixir toda unha ringleira de disposicións administrativas baixo pena de severas e cuantiosas multas…

Non creo que sexa necesario empregar palabras bíblicas para referir unha situación, pero a ansia que teñen os nosos lexisladores por regulamenta-lo todo parece que resucitara aquel vello proverbio que dicía: “non é o home para a lei senón a lei para o home…”, ou algo así.

E digo isto tamén a razón da noticia que acaba de trascender e percorrer incluso as páxinas e os noticieiros dos principais medios de comunicación europeos onde falan da sanción que recibiu unha rapaza por mor de fotografar e divulgar no seu facebook unha imaxe dun coche patrulla da Policía Local dun pobo de Alicante que estaba mal estacionado nun lugar reservado para minusválidos.

Ao amparo da nova Lei de Seguridade Cidadá, a coñecida como Lei Mordaza, a infractora topouse cunha sanción de 800 euros por querer denunciar a través das redes sociais unha actitude pouco edificante da Policía Local do seu pobo.

Desde logo que mudaron moito os tempos! Pero os detractores da Lei Mordaza (entre os que se atopan os relatores dun informe feito nada máis e nada menos que pola Organización de Nacións Unidas, a ONU…) xa avisaban do que podería acontecer con este tipo de lexislacións á hora da súa aplicación práctica porque, entre outras moitas eivas, a nova normativa da capacidade sancionadora aos axentes das forzas da orde dun xeito moi arbitrario sin posibilidade de que o cidadán poda interpelar ou defenderse de inxustizas (ou arbitrariedades, ímoslle chamar así) que se podan producir na súa aplicación.

Errare humanum est, ou o que é o mesmo errar é de humáns, pero máis aínda si é que non se lle poñen os medios precisos para que o factor humán reduza a súa capacidade interpretativa da lei e, sobre todo, non hai posibilidade de enmendala.

A aplicación da nova Lei Mordaza pon de manifesto serios problemas de carácter constitucional e que, incluso, poderían atentar directamente contra dereitos fundamentais das persoas e da propia sociedade.

Cando se prohíbe grabar ou fotografar a axentes da orde, estase dando amparo a hipotéticas e posibles accións desproporcionadas producidas polo propio interesado que, ao ter a súa palabra a presunción de veracidade, podería dificultar enormemente demostrar a incorreción do seu comportamento (que sería dos casos de abusos policiais en España ou nos Estados Unidos, sobre todo nos de carácter racista, si non houbera imaxes que deixaran poucas dúbidas sobre a proporcionalidade ou non dalgunhas intervencións policiais?).

Volvendo á miña avoa, tristemente falecida hai xa demasiados anos, tería moi difícil librarse dunha sanción administrativa polo seu comportamento vehemente e sobre todo por aquel vocabulario doutra época, que sempre tiña presente no seu linguaxe viperino, no que non era raro escoitarlle dicir con voz atronadora a un rapaz coma min que, nas tardes calurosas do verán, mentras tiñamos que agardar as dúas horas e media de facer a dixestión antes de nos meter na auga, non paraba de romperlle a cabeza á pobre señora: “Vaille dar a lata a un guardia!” Agora, grazas á Lei Mordaza, podería replicarlle: “Cala avoa; que aínda che van multar!”, ou non?

Comentarios