Opinión

Os outros galegos peninsulares...

AO PARECER, un dos tópicos que nos acompañan históricamente aos galegos é que, presuntamente, nos sentimos avergoñados de nós mesmos, do noso idioma e da nosa identidade… en fin, que segundo eses estudios temos unha autoestima moi baixa que nos fai moitas veces renegar da nosa orixe. Sería este o argumento que faría agochar a Cristóbal Colón o auténtico lugar de nacemento e, en realidade, fora de Poio? (Afirmación de De la Riega alimentada, entre outros, por Alfonso Phillipot quen ademais introduciu a teoría de que era en realidade Pedro Madruga, Conde de Camiña e propietario do Castelo de Soutomaior).

O certo é que moitos dos vellos tópicos poucos visos teñen de ser verdade na realidade social actual e máxime cando se producen noticias tan curiosas como que un pobo de Zamora, denomiando Porto (nome moi galego), fixo un referendo estes días entre os seus veciños co fin de sondear a opinión dos seus residentes sobre a hipotética escisión desta localidade, pertencente á Comunidade Autónoma de Castela e León, debido á situación de abandono na que se atopa.

O resultado desta consulta popular parece que arroxou como resultado un apoio do 80% dos participantes aprol do abandono desta comunidade e, sucintamente, se interpretaba que o seguinte paso sería a petición de integración en Galicia, por proximidade (é limítrofe co concello ourensán da Mezquita), identidade cultural e idiomática (alí fálase galego) e por simpatía ao considerar que o traballo da Xunta en materia de infraestruturas de comunicación viaria está a anos luz da que ofrece Castela e León.

Pero curiosamente non é este o único caso que se ten detectado neste senso. Así, temos o caso anecdótico do val do Xálima, no noroeste da provincia de Cáceres, en Extremadura, onde unha lingua que se atopa totalmente fora de lugar, chamada Fala, é utilizada desde séculos de xeito habitual polos habitantes dos pobos de Eljas, San Martín de Trevejo e Valverde del Fresno. Segundo prestixiosos lingüistas, unha reliquia do galego atribuible aos colonos da nosa comunidade que na época da Reconquista foran enviados a ocupar eses territorios conservando así o seu idioma.

Caso similar e con maior fundamento temos no Bierzo onde tiven a ocasión de estar recentemente, por escasos días, e comprobar como en aldeas remotas, e non tan lonxanas de cidades como Ponferrada ou Vilafranca, se fala un galego totalmente asumible co da comarca ourensá de Valdeorras. Tamén é certo que os paisanos, cando se percatan da presenza dun extrano procuran cambiar rápidamente de idioma e adoptalo castelán, feito curioso e identificativo dun proceder que habitualmente facemos os galegos.

O que sí é certo é que son numerosos os veciños do Bierzo que, aínda que defenden a súa identidade diferenciada e non queren ser vistos ou asimilados como galegos, si recoñecen a tradicional relación e os vencellos que nos manteñen tan preto nos costumes, comportamentos e xeitos de vivir o que xustificaría, cando menos, a necesidade de artellar nesa España plural da que se fala de cara á galería algún xeito de preservar e impulsar no sistema educativos deses lugares a aprendizaxe reglada do idioma galego e axudar a manter vivas as manifestacións culturais e etnográficas que nos identifican como pobos de raíces comúns.

Cando se fala de redefinir marcos territoriais, modificar a Constitución e o recoñecemento da diversidade quizás se debería tamén reflexionar sobre estos temas que afectan tan directamente aos galegos territoriais e aos que están na periferia e que incluso, históricamente, chegaron a formar parte da Gallaecia e do Reino Suevo de Galicia, primeiro da súas características implantado en Europa despois da caída do Imperio Romano.

E xa non quero falar dos asturiáns, os nosos primos-irmáns. Pero sí creo que fai falla facer unha auténtica autocrítica neste senso porque desde Galicia, por diversos motivos políticos supoño eu, sempre se deixou á súa sorte ás colectividades falantes do galego en zonas limítrofes da nosa influencia na Asturias Occidental, parte da provincia de Zamora e, sobre todo, o Bierzo leonés que ben precisa dun tratamento especial como exemplo de supervivencia idiomática en situación de adversidade total, ou non?

Comentarios