Opinión

Flaco favor á democracia e a Pontevedra...

OS QUE TIVEMOS a ocasión de ver o vídeo publicado por Diario de Pontevedra na súa páxina web, e na práctica totalidade dos medios de comunicación audiovisual a nivel estatal, non saímos do noso asombro pola dimensión que a covarde agresión dun mozo de 17 anos ao presidente do goberno de España ten para o momento actual no que nos atopamos, a escasos días de celebrar as eleccións xerais.

Ao igual que se pudo ver na rúa, tamén nas distintas redes sociais circulan todo tipo de comentarios, moitos deles do máis inoportuno, e que fan que o feito acontecido este mércores en pleno centro de Pontevedra acade uns niveis do máis preocupante provocando a vergoña de quen os poda ler.

Un pode estar máis ou menos en desacordo co presidente do Goberno e líder do Partido Popular, pero outra cousa moi distinta é querer xustificar o inxustificable. Non se trata tampouco de dar a razón aos detractores de Pedro Sánchez (algún deles os propios candidatos de opcións emerxentes como Albert Rivera, de Cidadáns, ou Pablo Iglesias, de Podemos) cando o líder socialista, no medio do calor do debate lle dixo, premeditadamente ou non, a Rajoy que non era un político decente e que, en lugar de enmendar as súas acusacións, decidiu tirar por elevación e manter a súa afirmación reforzándoa reiteradamente en sucesivos mitins con frases como esta: "Díxenlle a Rajoy o que millóns de españois pensa e pensan con razón".

Non creo de ningun xeito, como asegura algún dirixente do Partido Popular, que daqueles pós veñan agora estas lameiras, pero teño que darlle a razón a aquelas persoas que din que cando un está en política debe medir as súas palabras porque ás veces teñen máis repercusión da esperada e as carga o diaño.

Tampouco lle quero quitar peso a aqueles que afirman que Rajoy, no tocante á mocidade, á reforma laboral, aos recurtes en sanidade e educación, etc. emprendeu unha senda moi perigosa a base de sementar ventos e, como di o refrán, o que eso fai acaba recollendo tempestades… Non digo eu que non, pero a violencia non é a forma de manifestar ese presunto rexeitamento social que existe sobre todo entre as clases populares que todavía están agardando que lle chegue o seu rescate da crise como si fixo o goberno do PP coas entidades bancarias, por exemplo.

Tamén hai quen pensa que o rapaz foi vítima dun momento de enaxenación mental transitoria ou dun salto á fama político-mediática emulando a aqueles expontáneos dos anos 40 ou 50 do século pasado que saltaban ao ruedo a lidiar de xeito inconsciente calquera morlaco que se lle puxera por diante buscando o aplauso fugaz dos seus.

Quen quere ser benevolente co rapaz asegura que ten na súa xuventude parte da súa eximente ao considerar a súa falla de madureza e os ambientes políticos que frecuenta como “"uns malos conselleiros"... (a quen mala árbore se arrima, mala sombra lle cobixa…) Tal vez, pero desde logo si non aprendeu que este tipo de actos provocan, no electorado, o efecto contrario do que procuraba coa sua acción é porque quizais carece de calquera cultura política que lle impide darse conta dobremente do seu erro...

Ao final, con esta acción aloucada ninguén gaña nada (tampouco o protagonista da agresión) e quen vai resultar damnificado, máis que o mancado presidente do Goberno, son as posicións da esquerda transformadora e a reputación de Pontevedra quen estará presente, polo menos ata final de campaña, en toda España como a cidade onde se produciu unha actuación tan antidemocrática e que para nada se identifica co carácter aberto da capital das Rías Baixas e coa imaxe que proxecta a nivel internacional baseada no seu carácter afable, aberto, familiar e accesible, ou non?

Comentarios