Opinión

Deus e os seus franquiciados na terra...

O feito de vivir nunha aldea ten moitos pros e outro tantos inconvintes, pero desde logo o que si resulta é moi interesante desde o punto de vista sociolóxico sobre todo á hora de coñecer a esencia do ser humano. Dalí de onde son eu din que “os fillos do lobo, lobiños son” e tamén algo así como “nas mans ou nos pés hase de saber de quen ves”…

Eu son dos que creo que na sabiduría popular reside gran parte da esencia do noso pobo e, desde logo, é unha característica propia da nosa idiosincrasia atender ao refraneiro dos nosos avós para ver como o paso do tempo non fai máis que consolidar ese feixe de consellos como auténticos paradigmas do comportamento social da xente.

E por que digo isto? Pois a razón das últimas manifestacións feitas polo cardeal Antonio Cañizares, cardeal arcebispo de Valencia, que nin corto nin perezoso atreveuse a manifestar, ao vivo e sen anestesia, que os inmigrantes e os refuxiados que están a fuxir dunha morte segura son “o cabalo de troia de Europa. Esta invasión de emigrantes e de refuxiados é todo trigo limpo?; dónde quedará Europa dentro duns anos?”. Así, zasca!!

Non podemos dicir que este home de Deus é un indocumentado (foi prefecto da Congregación para o Culto Divino e la Disciplina dos Sacramentos ademais de presidente da Asociación Española de Catequistas) ou un ignorante da vida que non coñeza nin a doutrina social da Igrexa ou as últimas manifestacións do Papa Francisco I facendo un chamamento a tódalas parroquias extendidas por todo o mundo para que acollan, alomenos, a un destes refuxiados que o monseñor purpurado pon en entredito.

Tampouco podemos dicir que o home estea gagá (ou si?), porque pese a ser xa un setuaxenario viste a púrpura cardenalicia e foi un dos que depositou a papeleta no cónclave que elexiu ao novo Papa… (non é que sexa un aval definitivo, pero parecera suficiente a xulgar pola capacidade cognitiva e estabilidade psíquica que lle obrigan aos que participan nese proceso).

Que saibamos, tampouco fixo esas declaracións despois dun opíparo xantar (digna dun cura ou un abade…) acompañado dun dixestivo ou dun café de pota convintemente desinfetado cunhas pingas de caña (ou un “fray angelico”, polo do seu estatus…), como manda a tradición, senon que foi pola mañá cedo, nun almorzo informativo en Valencia, polo que non cabe outra solución que pensar que é o xeito de pensar dos próceres da Igrexa coa capacidade de influencia que eso ten na curia e, por conseguinte, no posterior predicamento desde os altares (agora xa non se suben aos púlpitos, creo) da palabra de Deus, xa que son voces autorizadas na materia para sentar cátedra e interpretación correcta das Escrituras… (palabra de Deus,…).

Pois como dicía Don Quixote, “coa Igrexa topamos, amigo Sancho”. Polas súas palabras e feitos os coñeceredes. Pois si, despois acusaráselles a aqueles que falan da recuperación da memoria histórica e de poñer a cada un no seu sitio de demagóxicos anticlericais que tentan terxiversa-la nosa Historia e situar á Igrexa nunha posición contraria aos principios fundamentais da fe, abrazando causas baseadas en comportamentos racistas, xenófobos e intolerantes que, dito sexa de paso, determinaron parte do noso pasado recente, azuzando e edulcorando golpes de estado como si foran auténticas cruzadas na defensa dos valores cristiáns que “corrían o perigo de sucumbir” ante a chegada das “conspiracións xudeomasónicas” (e comunistas, non nos esquezamos da pantasma que sacudía Europa…).

Logo falarase de que unha cousa son os cristiáns de base e outra moi distinta a rexia curia romana que rixe os destinos da Igrexa. Sí, xa quedamos niso, pero entre a fe cega e o deber de obediencia xa sabemos todos como acaba o tema. Unha cousa é levarse ben con Deus e outra moi distinta é entenderse cos seus franquiciados na terra, ou non?

Comentarios