lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

Viaxeiras e novos horizontes

OS HUMANOS somos esa especie que manda cacharros do tamaño dun coche ao espazo para que nos envíe información dun planetoide e despois deixamos que ese mesmo (caro) aparello se perda nesa negrura inexplorada. Estes días, coa chegada da New Horizons a Plutón, que xa marcha “cara ao infinito e máis aló”, recórdase que por diante dela van as dúas Voyager, sondas enviadas en 1977, e a min iso lévame ao primeiro 'Star Trek' en pantalla grande, película dirixida por Robert Wise en 1979. A trama do filme arrinca de que as Voyager teñen unha orde esencial: adquire coñecemento. A partir de aí, os guionistas imaxinan que as sondas chegan a un planeta máquina e as reenvían para a Terra para que cumpran a súa cita co seu creador: como un can lle devolve o pau ao seu dono. Como xa non lles abonda con acumular só datos, as sondas absorben fisicamente todo o que atopan, planetas incluídos (non, non é un spoiler). Podes imaxinar que algún día as Voyager ou a New Horizons volven... e que nos vai dar igual, porque non ocorrerá, no mellor dos casos, ata dentro de 40.000 anos. Daquela, dubido que algún ser humano quede por aquí. E se queda, a ver se logra descifrar o sistema informático desas sondas.

Viaxeiras e novos horizontes
Comentarios