Opinión

Tarxetas

AS DÚAS tarxetas que máis utilizo comparten espazo na carteira, polo que máis dunha vez teño sacado a do Sergas para pagar algunha compra ou a do banco para as consultas médicas. As reaccións van dende un adusto «esta non é» ata aquela vez que me dixeron «se queres, pásocha, pero sospeito que a máquina non vai aceptala». Daquela, a rapaza da óptica e máis eu acabamos falando do ben que estaría telo todo nunha soa tarxeta e poder con ela pedir medicamentos, sacar cartos, pagar a compra dunha soa vez ou en prazos, identificarte diante dun policía ou dun garda de tráfico, obter descontos no hipermercado ou na tenda, entrar na piscina da que es socio, sacar libros para os nenos na biblioteca do barrio ou calquera da porrada de cousas que se poden facer co milleiro de tarxetas que ultimamente poboan os nosos petos e bolsos. Algunhas cousas xa se poden facer cun escaneo do iris ou as pegadas dactilares, e para outras xa abonda cun bo smartphone. Ese móbil de última xeración ofrecerache a posibilidade de xuntalo todo nunha conta única de Gmail, co cal na vida virtual xa non necesitas andar con varias tarxetas, que xa San Google se ocupa de todo. É como volver á nenez, cando tiñas un único médico para todo, fose unha fractura ou un catarro, o resto dos problemas solucionábanse dicindo unha palabra de catro letras (mamá, papá) e nin sequera había que molestarse en recordar números de teléfono.

Comentarios