Opinión

Santos

DE PEQUENO, na casa celebrabamos o meu santo o 1 de marzo. Pero un día descubrín que o Santo Anxo da Garda xa non aparecía nos calendarios e no seu lugar viña San Rosendo. O santo cambiárono para o 2 de outubro, día dos Anxos Custodios. Non foi o único santo ‘traspapelado’ despois do Vaticano II: os da miña aldea, San Martiño e a Virxe da Rocha, mantivéronse, pero o da capital do concello, San Telmo, case desapareceu e mesmo cambiou de nome no proceso (está canonizado como San Pedro González Telmo). Resulta que Deus é sempre igual pero os seus santos cambian. En internet falan de descanonizacións, un concepto imposible: non perdes a santidade, só desapareces dos calendarios oficiais. Pasa tamén con San Cristovo ou Santa Bárbara, considerados polo Vaticano dous santos ‘locais’. O Santo Anxo da Garda ségueno a celebrar o día 1 en moitos lugares. Nunha igrexa de Vigo teñen un cartel onde detallan o proceso: servo de Deus, venerable, beato, santo. Como teñas nome raro, corres o risco de non acharte nun almanaque . Nese caso, deberías celebralo o 1 de novembro, oficialmente día de todos os santos. Pero quizais pola crecente secularizacion da sociedade, porque é festivo ou como desquite polos santos que non atopamos, agora o normal é festexar ese día outra cousa, que a Igrexa honra o día 2: os defuntos. É dicir, honramos a morte cando deberiamos celebrar o nome que recibimos ao nacer.

Comentarios