Opinión

San Antonio

HAI SANTOS máis populares que outros. Este luns celebramos un deles, San Antonio, que adquire nome diferente segundo o sitio. Na meirande parte da cristiandade asóciano á cidade italiana na que morreu, Padua. En Portugal recórdano polo sitio no que naceu: Santo António de Lisboa. E en Madrid asóciano á Florida, onde está a ermida á que van as rapazas casadeiras buscar mozo. É curioso que Madrid, cidade supostamente tan adiantada (todo o mundo pensa que canto máis grande é un sitio, é socialmente máis avanzado e progresista), conserve tradicións tan antigas. Claro que a festa grande de Madrid (San Cidre) está adicada ao patrón dos labregos, profesión da que xa case non quedan practicantes nesa vila. O que pasa é que dá igual: a partir de certo tamaño, téndese a esquecer a quen vai dedicada a festa, mesmo se tende a postergar a súa orixe relixiosa, daqueles tempos en que o mundo era incomprensible e a xente de a pé pensaba que as cousas ocorrían por causas divinas ou máxicas (creo que agora estamos volvendo a iso, vía internet). Haberá moitos vigueses que saiban que vitoria dá nome ao Cristo da Vitoria, ou cantos composteláns confundirán Ascensión (as súas festas de primavera) con Asunción, ou quen era ese San Froilán que ateiga Lugo no outono. Son todos santos católicos, pero non creo que a Igrexa considere un éxito que todo o mundo honre aos seus santos sen telos presentes.

Comentarios