Opinión

Sabios

CANDO FOMOS a Cuevas de San Marcos, hai un ano, pasamos pola nova Seseña. Daquela non recordo ter visto ningún cemiterio de pneumáticos. Vino estes días, nas noticias, mentres ardía. Foi queimarse e prenderse ese fogo cruzado tan español que consiste en culpar aos demais porque todo o mundo sabía que o vertedoiro era ilegal pero (case) ninguén fixo nada por eliminalo. Tampouco falta a queixa habitual sobre a lentitude da administración, en especial a de Xustiza. Algún alto cargo xudicial criticou hai anos que o noso sistema xurídico fose tan garantista. Esa teima por velar para que ni un inocente vaia á cadea fai que os procesos xudiciais sexan lentos, aínda que en España ás veces pasámonos de coidadosos. No teatro gustamos de ‘12 homes sen piedade’, a historia dun xurado que comeza cunha condena a morte e que remata por declarar inocente ao reo, tras unha intensa deliberación. Gustamos diso, e cremos que un xurado pode darlle a volta a un veredicto, pero tamén queremos xustizas inmediatas: se o vertedoiro é ilegal, hai que eliminalo no minuto seguinte, e non miramos se hai cartos ou medios para facelo. Queremos que pague o promotor, pero se este escapa, non queremos que o asuma o Concello (!!!). O importante é sentenciar e non mirar máis aló: xa pensarán outros. Que marabilloso país este, no que en cada habitante hai un adestrador de fútbol, un médico e un xuíz!

Comentarios