Opinión

Que ben cantas, Billie!

GUSTO DE sabelo todo da música que escoito, aínda que hai excepcións. Eleanora Fagan é unha delas: dáme igual a súa axitada biografía, o alcohol, a heroína, a prostitución; podería ter tido unha vida normal, que o que me gustaría sería o mesmo: a súa inconfundible voz. Falo dese murmurio que sae do altofalante e que se pega ao teu corpo, como se te estivera a abrazar ou, mellor, como se ti estiveras a nadar somerxida nela, nun mar de harmonías e cadencias.

Cada vez que a oio (e, por suposto, este 7 de abril no que tería cumprido cen anos foi un deses días), esa voz faime viaxar mentalmente aos corenta. Transpórtame a locais escuros e somnolentos, cheos de fume, onde parellas silenciosas bailan deixándose levar por temas como 'The very thought of you', 'Strange fruit', 'I can’t give you anything but love' ou aquelas estarrecedoras versións de 'Summertime' ou 'Cheek to cheek'.

Parafraseando o que din na Arxentina sobre Gardel (outro que ten efeméride redonda este ano): que ben cantas, Billie!

Comentarios