Opinión

Pulseiras

DEZASÉIS MESES. Iso foi o que durou no meu pulso dereito, antes de rachar soa, a fita que me deron no festival internacional de cine de Karlovy Vary. Conseguina nun posto onde o café de George Clooney convidaba a volluto, ristretto e demais; a fita conmemorativa da edición número 49 cinguía o vaso. Recoñezo que entre xullo de 2014 e novembro pasado useina para fardar de que estivera nun sitio que a maioría dos meus coñecidos nin sabía que existía. Non son moi dado a levar cousas no pulso, nin reloxo (nesta sociedade na que vives arrodeado deles), pero teño feito excepcións: hai anos lucín unha fita do Senhor do Bonfim, de Salvador de Bahía, a mesma que meses despois descubrín en Núñez Feijóo. Esta acabeina por tirar, porque non se daba roto. O meu médico leva unha do Celta, pero el é do Madrid. En tempos estiveran de moda as pulseiras de Lance Armstrong: foi moito antes de que se desvelara que este ciclista xogaba sucio. Se naces nunha familia tradicional, das que regala pulseiras en cada natalicio, pasas a vida lucindo moitos destes adornos, dende os da primeira comuñón ata os que mercas porque si ou os que che dan co teu nome, que teñen o terrible nome de ‘escravas’. Terribles son tamén as que poñen en certas áreas hospitalarias (véxanse a película ‘Planta 4a’ ou a serie ‘Pulseras rojas’). Non teñen nada que ver coas de ‘todo incluído’; esas pulseiras si que nos fan felices.

Comentarios