Opinión

A paxariña

ENVOLVÍN UN regalo e quixen darlle unha nota de cor pegándolle unha paxariña de papel. Púxenme a facela... e non saía. Había tanto tempo, que xa perdera a práctica: eu, que amolaba á miña nai poñéndolle familias numerosas de paxariñas. Tras varios intentos frustrantes, mirei en internet. Apareceron milleiros de debuxos e vídeos... pero non era o mesmo. Aquelas non eran as miñas paxariñas de papel, as que facía Unamuno, as que argallaba Isabel, aquela compañeira de facultade que me introduciu no que aquí chamamos papiroflexia e os xaponeses (e os fatos de internet), origami. Cambiáranme as instrucións. Os meus dedos non recordaban como era, pero si que non recoñecían tantos pregues, nin esas arestas. Sobraban dobreces e tempo. Decidín deixar que as cousas fluíran soas, como cando te atascas cunha palabra. E este luns, tras albiscar unha imaxe en Google, os meus dedos deron feito unha. Cando tirei das súas patiñas, recoñecina: era a vella paxariña de papel de sempre. Mentres escribo, fago unha, por pracer. Sigo sen entender a que vén actualizar as instrucións de algo tan sinxelo e popular. É como esas revisións de contos clásicos que tanto se levan no cine e que converten a Caperucita nun émulo da Trinity de Matrix. Ou esas postas ao día de xogos que os fan irrecoñecibles. Será que algúns non entenden a beleza do simple, a dun cacho de papel reconvertido en figura, por exemplo.

Comentarios