Opinión

O noso

CANDO EN 1980 saíu ‘'Il nome della rosa'’, Umberto Eco xa levaba case vinte anos publicando. Os obituarios destes días destacan en especial ese tratado de semiótica oculto detrás dun ‘thriller’ histórico e deixan de lado a produción anterior. Porén, naqueles anos, para lingüistas e xornalistas, Eco era só un reputado semiólogo, autor de títulos tan sobranceiros como ‘'Obra abierta'’ ou ‘'Apocalípticos e integrados'’, unha obra de 16 anos antes coa que pariu un vocabulario que aínda se usa cando se estuda a cultura de masas. Pero a partir da publicación da peripecia de Guillermo de Baskerville, para algúns xa non existiu máis Eco que o novelista. Para os que coñeciamos (e estudáramos) o semiólogo, foi como a deturpación de algo que considerabamos noso. É do máis habitual: ti tes unha imaxe de algo e outro sae con outra distinta. Vese mesmo nas noticias: ti pensas nunha Galicia normal e os informativos de fóra preséntana como un exótico reduto indio; ti ves un Pardo de Cela feudal e outros ven un demócrata. Este cambio de perspectivas, cuxa asunción é parte do crecemento persoal (medrar consiste en aprender a respectar ao outro e as súas ideas diferentes, non?), témola todos os días e nos contextos máis variados. Por exemplo, hai quen cre que os Gemeliers son uns rapaces simpáticos e hai galegos que dende o mércores coidan o contrario. Ás veces, as imaxes preconcibidas que temos cambian soas.

Comentarios