martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

O fixo

UN DOS sinais de modernidade nos meus tempos infantís era o teléfono fixo. Había casas onde colocaban o aparato nun lugar central (na sala, por exemplo), aínda que o máis habitual era preto da entrada. Era símbolo de modernidade e de avance tecnolóxico, porque era unha mellora que non estaba dispoñible en todo o territorio. Na aldea, dependías moito do veciño que o tiña, a quen chamabas para avisalo dalgunha visita ou novidade, do tipo «chegamos o venres ás nove», «chamarei ás nove e media» ou cousas así. Eran tempos en que as cousas tiñan menos apuro que agora, que parece que todo ten que ser xa. Recordo cando o servizo automático chegou á miña aldea, creo que a comezos dos oitenta, que todos os teléfonos comezaban (comezan) por 6290. Daquela dependías do que che ofrecía Telefónica, o monopolio. Se non había xeito de darche servizo, tiñas que aguantarte. Agora, pola contra, o teléfono fixo ofrécencho como parte doutra oferta (televisión, móbil, internet...) e, ás veces, case máis como complemento que como eixo da mesma. O fixo que eu tiña na casa xa só servía para recibir chamadas da miña nai e dos do telemárketing. Ela deixou de chamar despois do ictus, así que no último cambio de compañía xa nin me molestei en habilitar o teléfono fixo; é máis, nin sequera sei onde teño apuntado o número. Sei que non son o único. Agora a modernidade, neste tempo de móbiles, é non telo.

O fixo
Comentarios