Opinión

O chándal na araña

A ÚLTIMA parodia de Páramo Pictures converte o 'Chandelier' de Sia nun 'Chandaleí'. Aínda que a audiencia vai medrando, non semella que vaian repetir o éxito de 'A Bertolina', cando petaron YouTube. Desta volta, converteron unha canción sobre adiccións e unha lámpada de araña ('chandelier') noutra sobre zumba e pilates (“teño o chandel eí”). Semella unha transgresión inesperada, ata que o analizas polo miúdo. E ves que a protagonista da parodia é esa muller invisible, neste caso unha ama de casa do rural galego, que fai o que pode por cuidarse e que, ao non verse recoñecida por ese home vexetal que vive con ela, ameaza con irse “cun cubano”, ameaza que todos intuímos que (case) nunca levará a cabo. A cousa vai no fondo de pragas cotiás: o alcoholismo no caso da cantante australiana; os micromachismos ("cando se cea nesta casa?") na versión luguesa. Hai certas cousas universais, con independencia do hemisferio no que se estea... incluído ese toque a 'Perdidos' no derradeiro plano de 'Chandaleí'.

Comentarios