Opinión

Esperando

NO TEMPO desesperante que paso ultimamente nas salas de espera do hospital, téñome afeccionado a unha revista na que escriben dous colaboradores desta casa. A publicación contén textos amplos, de aparencia sisuda, aínda que no fondo son bastante friquis: así, recordo un impagable informe sobre por que a República Galáctica (si, a da Princesa Leia) estaba chamada a fracasar. É unha publicación lixeira, idónea para sitios como estes, nos que non te concentras tanto na lectura como na túa vez e no que sempre hai balbordo de fondo. Outros prefiren prensa do corazón ou revistas de pasatempos; ás veces penso que as salas de espera, sexan sanitarias ou estéticas (salóns de peiteado), son a auténtica razón de ser destas publicacións. Máis complicado é o xornal de papel, e iso que podería pensarse que é o produto ideal, dado o seu carácter tan perecedoiro. Ocupa moito sitio ao abrilo, tes que estender os brazos e non queda ben cabrearse co que les... ou co veciño que intenta poñerse ao día por riba do teu ombreiro. A competencia agora son os móbiles, e en especial os xogos, aínda que neste último caso preséntanse dous problemas: o gasto de batería e a musiquiña repetitiva do xogo, que pode incomodar aos veciños. Hai quen se atreve con libros, como aquel home ao que vin no hospital de día cun ben gordo (o Quijote? Un tocho ruso?)... pero quedou durmido. E é que non todo vale para estes sitios.

Comentarios