Opinión

Escuma

CATRO DOS mellores discos que teño na casa, deses que salvarías nun naufraxio, publicáronse no 1992. Son ‘'Automatic for the people’', ‘'Échate un cantecito'’, ‘'No solo de rumba vive el hombre'’ e ‘'Sangre española'’. Os tres últimos son obra de cantantes que antes fixeran outras cousas moi diferentes. ‘'Sangre española'’ era a recuperación para o pop masivo de Manolo Tena, cantautor que transitara pola movida e que só os moi entendidos (nomeadamente, os de Radio 3) recordaban da época de Cucharada ou Alarma!!! Despois de facernos tocar madeira, contarnos paixóns xitanas e laiarse de que tiña a moto escarallada, este estremeño foise diluíndo ata vivir unha segunda resurrección hai uns meses. Foi da man de '‘A mi manera’', un atípico programa de La Sexta que nos serviu para constatar a estreita relación que tiveron a música española e as drogas. Outro dos que participaba no espazo, Nacho García Vega, viu morrer ao seu primo, o mítico Antonio Vega (‘'La chica de ayer'’), vítima da heroína. Tena, que tamén viviu eses excesos, morreu esta semana dun cancro de fígado. No programa víaselle moi gastado. Era o único dos sete participantes que bebía sempre auga. Alí confesou que nacer a 300 quilómetros da costa máis próxima é a causa de que case todas as súas letras conteñan algunha referencia ao mar. Como tantos outros dos seus tempos, coas drogas e coa música intentou ser mar, pero só conseguiu escuma.

Comentarios