Opinión

De compras

TODO O mundo fai unha compra grande, habitualmente semanal. Os expertos aconsellan facela fóra da hora de comer e cunha lista, para non sucumbir á tentación de comprar o primeiro que ves e arrepentirte ao baleirar as bolsas na casa. Pero se un non ten présa e pode deterse un chisco diante dos estantes, pode pasar un rato ben divertido: é sorprendente a cantidade de cousas estrañas que se venden, en especial nos hipermercados; cousas que nin imaxinabas que podían existir e que cobren calquera situación, por atípica que sexa. Que es moreno e tes pencas verdes? Pois seguro que alguén xa ideou un descolorante. Gardatomates e gardalimóns, individuais e para a neveira, deixáronme sorprendido, sobre todo porque cando os descubrín foi nun híper de informática. As cousas máis impresionantes aparecen, porén, nas zonas de droguería... O xel íntimo masculino pode parecerme útil; que os cortaúñas agora sexan diferentes para mans e pés (cando non hai moito usabamos unha simple tesoira) podo entendelo; o da auga para peitearse, distinta segundo o tipo de cabelo, retrotráeme a esas nais que alisaban o pelo co seu cuspe... Pero o que me ten descolocado son as misturas. O xel de chocolate pódese comer? E o de crema de iogur (grego, matizo)? Postos con cousas raras, aínda non din sabido que é iso de ‘Dentríficos’ que anuncian nos carteis fixos dun hipermercado de Vigo. Xa non saben que facer para vender.

Comentarios