Opinión

Centenarios

UN RECONTO de esquelas dun xornal fíxome descubrir hai pouco que na miña aldea natal morreran en tres días dúas persoas de máis de cen anos (101 e 103). Dous centenarios (dos 1.400 de Galicia) non é mala porcentaxe para unha parroquia de 857 habitantes. Sober supéranos, aclaro. Da miña aldea tamén era Palmira, que morreu en 2011, catro meses antes de chegar aos 109. Un ve eses datos, primeiro fai unha broma (ameazar a alguén con vivirlle sempre) e despois pensa se a súa aldea ten algo especial, que fai que a xente viva máis. É unha das grandes cuestións da ciencia actual, e máis cando os avances científicos e, en especial, médicos fan que sexa doado acadar idades provectas. O ‘xornalismo de centenarios’ é todo un clásico das redaccións. Aos xornalistas gústanos preguntarlles aos que pasan esa barreira cales son as súas rutinas, que tal de saúde… se beben ou se dan a algún vicio en especial. Esta última pregunta é a que explica que moitas veces destaquemos aquilo de que alguén chegou aos cen e aínda segue bebendo unha fechiña de augardente tódolos días despois de botar a partida. Eu entrevistara a un centenario de Baleira. Pregunteille que había que facer para vivir tanto e contestoume, tallante: «Non morrer». Palmira, a miña veciña que quedara ás portas dos 109, dicía que o truco era traballar moito (algo no que coinciden todos), comer san e non perder unha festa. Vai ser iso.

Comentarios