Opinión

Cartas reais

HAI QUEN mantén o costume de aproveitar estas datas para mandar cartas apócrifas aos Reis Magos. Son apócrifas ou directamente falsas porque, a diferenza das que redactamos de nenos, non están escritas para ser recibidas nin moito menos para que se fagan realidade. Columnistas, opinadores e demais xente desa ralea somos moi dados a elas: aí pedimos cousas imposibles, que requiren a man de alguén realmente máxico, como os Reis (de Oriente): sensatez na política, próceres con altura de miras, pactos inimaxinables, eleccións repetibles, a fin do terrorismo ou, en resumo, a paz no mundo. É case o mesmo que pediría unha candidata a miss na parte intelectual do concurso de beleza. Son mellores, abofé, as cartas aos Reis que facemos de cativos: primeiro, porque as posibilidades de cumprimento son maiores; segundo, porque os referentes son máis serios. Podes ter o referente da necesidade ou obriga (un estuche para substituír o vello ou a roupa que pides por quedar ben cos adultos), a referencia da publicidade ou a dese superventas de Nadal que é o catálogo de xoguetes de El Corte Inglés (pode presumir Planeta desas tiraxes?), ou, en fin, un modelo máis interesante: aquilo que ten o veciño, a curmá, a amiga ou o compañeiro de clase. Esas si que son cartas sentidas, de xente que o merece todo porque este ano se portou ben… ah, velaquí outro tópico, como o da paz no mundo. 

Comentarios