Opinión

A Campions

HAI QUEN teima en dicir que o deporte e a política deben estar separados, pero dende os Xogos Olímpicos de Los Ángeles 1984 seica é obrigatorio que os grandes recintos deportivos teñan fábricas de confección de bandeiras. Así parecía ser o sábado, en Berlín, durante a disputa da final da Champions que, á vista do éxito do Barça neste século, haberá que chamar Campions. A exhibición patrioteira foi tal que ata a un de Albacete, Iniesta-de-mi-vida, lle obrigaron a tapar o brazalete catalanista co que saíu na segunda parte. Na televisión que pagamos todos (TVE), Artur Mas, ese home que semella que non cala nin baixo o Mediterráneo, aproveitou para meter o seu discurso independentista, falando do bo embaixador que é para Cataluña ese equipo no que marcaron un croata, un uruguaio e un brasileiro. O flipante é que os de enfronte, os que rexeitan a independencia de Cataluña, é dicir, o Goberno central, non contrarrestaron esa proclama. A súa máxima representante na final, Soraya Sáenz de Santamaría, só falou na previa. Así que todo quedou en mans do locutor de TVE, Juan Carlos Rivero, quen pechou a retransmisión dicindo que a vitoria do Barça "nos llena de orgullo y satisfacción… eee… como diría el clásico". Un xeito xenial de quitarlle transcendencia ás cousas.

Comentarios