Opinión

Cacharros

HABÍA UN pequeno de poucas semanas na cola, metido no seu minúsculo carriño, e notei como acaparaba as miradas embobadas dos que agardabamos detrás da súa nai, incluído eu. É fascinante a capacidade inconsciente que teñen eses nenos para xerar ganas de abrazalos, facerlles aloumiños e, en suma, achuchalos. Ás veces, ata se che pon un sorriso parvo. Non é a única cría que provoca arelas coma esas: o mesmo nos pasa con outros cachorros, en especial os das dúas especies que levan máis tempo a carón dos humanos: os gatos e os cans. Iso explica por que Youtube está cheo de vídeos destes animais, especialmente de curta idade, e mesmo dalgunha rede social (Pinterest) chegouse a dicir que só valía para compartir fotos de gatiños. Vén sendo a mesma tenrura que producen, por exemplo, os osos de peluche, que nacen para que os estrullemos. Asunto á parte é a reacción dos que están con eses pequenos (sexan humanos ou animais), que van dende o que pon cara de satisfacción («a xente recoñece o lindo que é o meu cativo!») ata o que sufoca, por educación, un bufido («deixade de sobarme o neno!»). Hai campañas para que os cans pouco amigos de carantoñas leven un lazo amarelo na correa; obviamente, non podes facer iso cun cachorro humano. Claro que iso dura ata esa idade en que o neno adquire autonomía e o adorable cativo do cuco pasa a ser o repelente neno que corre e bourea á túa beira.

Comentarios